Menu Xerais

«A vida do outro»: A novela dun xornalista na Transición

Dicía Álvaro Cunqueiro que non hai nada máis real que a fantasía. Unha afirmación que acada cumprida confirmación na última novela do xornalista, ensaísta e narrador, Carlos G. Reigosa, A vida do outro, recentemente editada en Xerais e gañadora do Premio Torrente Ballester, un dos máis importantes da narrativa en galego e en español convocados no noso país. A novela debulla ante o lector, nunha narración en primeira persoa, a memoria dun xornalista, o periplo existencial dun personaxe que, na lindeira dos seus sesenta anos, se decata de que a súa vida é a dun monicreque que se engana constantemente a si mesmo, non é o que el desexaría ser, senón outro perdido na néboa mesta das urxencias da súa profesión. Desde esa fronteira existencial e cando o desencanto non lle permite seguir sendo o outro e atopa as súas raíces definitivas, escribe as súas memorias, un espello no que descobre o seu propio rostro, a súa evolución persoal e os efectos dos grandes acontecementos culturais e políticos da Transición nel mesmo e en todos nós, desde os anos sesenta ata a actualidade.

A vontade soberana do autor e quizais tamén certas querenzas autobiográficas ¿ficcionais? fixeron que este personaxe agónico sexa un xornalista, o director dun grande xornal de tirada nacional. En poucas ocasións como nesta, a ficción nos ten mergullado aos lectores na cerna máis recóndita e problemática desa profesión, aparentemente ateigada de luzadas e fulgores externos, que é a xeira de dirixir un xornal. Porque os monólogos interiores, as reflexións e as batallas que nos refire este actante ficcional, chamado Miguel Cano Goiriz, permítennos esculcar as interioridades dun xornal nun período no que se está a producir unha revolución copernicana no mesmo concepto de medios de comunicación e teñen fiel cumprimento os vellos conceptos de “aldea global” e “idade da información” que oficiara Mc Luhan.

Mais os seus actores, por moito que esteamos na era cibernética, seguen sendo seres humanos, ateigados de grandezas, pero tamén de miserias, infelicidade e mesquindades lamacentas. As tirapuxas co consello de administración, a dura dificultade de non caer na tentación de facer un xornalismo amarelo, as confrontacións no consello de dirección, as coiteladas inesperadas dos compañeiros nos que máis se confiaba, as bendicións do partido político que se supón está detrás do periódico, a necesidade de medrar e converterse nunha empresa multimedia, os momentos nos que non se pode ter piedade, cómpre apertar o acelerador e ensinar os cairos máis retorcidos, as manobras non sempre limpas e arrainas a pactos conspiradores para conseguir certos relevos… teñen un puntual reflexo que, polo menos desde fóra e para nós, os pagáns, semella fiel e verdadeiro, nas páxinas desta ficción biográfica de Carlos Reigosa. Unha ficción que, ademais dos espellismos, engados e nefastas consecuencias da outridade fai presente para os seus lectores a insá conversión dun xornalista de verdade nun periodista profesional. Francisco Martínez Bouzas

Crítica publicada en El Correo Gallego, 02-12-2009

Comentarios pechados