Menu Xerais

Abordando a narrativa mariña, de Gonzalo López Abente. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente.

 

As «noveliñas» de López Abente

Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) ilustre membro das Irmandades da Fala, Presidente en 1936 da Asociación de Escritores de Galicia, académico numerario da RAG e depurado en 1937, é coñecido sobre todo pola súa obra lírica (Escumas da  Ribeira, s.d., Alento da raza, s. d., D’Outono, 1924, Nemancos, 1924, Centileos nas ondas, 1928 e os poemarios póstumos, Decrúa, 1966 e Monza de frores bravas para a nosa Señora da Barca, 1971). De menor valor foi considerada a súa obra narrativa e a súa única incursión no xénero dramático (María Rosa, 1928).

A Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais, co patrocinio da Fundación Gonzalo López Abente, permítenos arestora gorentar e valorar  na súa xusta medida as catro noveliñas curtas, hoxe imposibles de atopar, xa que despois da primeira edición, nunca foron reeditadas, agás O novo xuez (edición fascímil en Galaxia, 1971). A edición de Suso Sambade Soneira, precedida dun amplo e clarificador estudo introdutorio, pon nas nosas mans o que el chama  a “restauración” destes textos breves nos que López Abente se achega á temática das vilas e da vida mariñeira. Podemos gorentar, xa que logo, en primeiro lugar, O diputado por Beiramar, que significou o comezo da carreira narrativa de López Abente. Editada na Imprenta Nova (A Coruña, 1919), a noveliña ten a súa orixe nun certame de narrativa, convocado en 1918 por A Nosa Terra e do que foi ganadora porque -así reza a opinión escrita do xurado- “o estilo cristaíño axéitase a unha visión moderna do arte de novelare”. Esta novela curta reflicte a vida de “cunero” e o ambiente político nos tempos da Restauración, no que a corrupción imperaba seguramente aínda máis que arestora. A novela vai dirixida sobre todo á aristocracia rural nun intento de atraer a fidalguía á causa galeguista, á responsabilidade dun verdadeiro e auténtico servizo a Galicia e ao seu idioma. Un claro precedente do drama A man da Santiña de Ramón Cabanillas e dalgunha novela de Otero Pedrayo.

En xullo de 1922, a Editorial Céltiga dá ao prelo o libro do mes. Foi O novo xuez, que se converterá   no maior éxito editorial da narrativa de López Abente. Nun ambiente vilego que pode ser o de calquera das vilas da Costa da Morte, achéganos o autor unha historia de caciquismo, do “señorito” madrileño que chega a Galicia coa idea de que para un xuíz  as mozas galegas son presas fáciles. Como contrapunto, a vida solidaria das xentes do mar e un certo costumismo, como o do relato do día de Noiteboa nunha casa burguesa.

Gonzalo López Abente

Buserana, editada orixinariamente en 1925 na Editorial Lar de A Coruña, é a terceira das noveliñas recuperadas nesta edición. A trama está ambientada na casa reitoral de Moraime, reconstrúe  a vida rural da Costa da Morte e introdúcenos, sobre todo, nunha lenda galega: a da Furna da Buserana. Para Carvalho  Calero, Buserana é a noveliña máis conseguida do autor, opinión da que disente Sambade Soneira.

Fuxidos é a última peza breve que publicou López Abente. Localizada de novo nunha vila da Costa da Morte, probablemente Muxía, a trama novelesca describe a paisaxe, tanto humana como natural: a braveza do mar, dinamizado polo namoramento de dous dos personaxes, e polo desenlace inesperado no que a natureza indomable do mar (as “vagas do mar”) xoga un papel tráxico decisivo.

A edición que segue un camiño lingüístico intermedio, respecta os castelanismos e os dialectalismos característicos  da Costa da Morte, á vez que corrixe os hiperrenxebrismos, vulgarismos e arcaísmos. O escándalo, outra peza breve aínda que allea en boa medida á temática mariña, pecha como apéndice esta edición para completar a narrativa breve do escritor.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!