Menu Xerais

Abrirnos os ollos cun libro que te deixa esnaquizado: «Un animal chamado néboa», de Ledicia Costas. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre sobre Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas.

 

 

«Un animal chamado néboa», de Ledicia Costas

Resulta ben complicado achegarse a esta páxina en branco para falar dun libro que te deixa esnaquizado. Cando menos, é o que a min me ocorre arestora, logo de rematar Un animal chamado néboa de Ledicia Costas, publicado por Xerais.
Volver á Segunda Guerra Mundial. Ao horror, á barbarie, á senrazón. Somos os seres humanos, humanos? A xulgar polo que alí ocorreu, a resposta é claramente, NON. Pero non cómpre irmos alá. Chega con botar un ollo ao que aínda hoxe ocorre en moitos lugares do planeta en nome das relixións, das terras, das crenzas, das razas. A Segunda Guerra Mundial representa a barbarie máis temida, pero a barbarie segue entre nós. Nada temos aprendido. Se viaxamos agora mesmo ata Israel, vítimas da barbarie nazi… recoñécense agora como verdugos dos palestinos? Porén, aí está a crúa realidade.
A néboa non é un animal. Os animais somos nós.
Ledicia Costas tráenos relatos, como digo, da barbarie. E faino presentando os diferentes axentes e vítimas da guerra, é dicir, pasearemos por Rusia, Estados Unidos, Xapón, Italia e Alemaña.
Primeira visita: Leningrado. Quen pode sobrevivir a semellante asedio? Agora sabemos que foron os rusos quen realmente gañou a guerra. Non foron as atroces bombas atómicas, os xaponeses declaráronse vencidos por temor a que os rusos comezasen a invadilos. Os rusos e a súa poderosa arma de guerra. Nos dous primeiros relatos que lemos, a autora ofrécenos o sufrimento do asediado, daqueles que non teñen nada para sobrevivir, agás uns a outros. Fóra, o frío. O frío inclemente e a friaxe dos alemáns, que agardan. Quizais conseguisen con ese asedio un millón de mortos. Un millón é só unha cifra máis. Nada significa neses momentos. Un millón é unha pequena presada de seres humanos. Precísanse máis mortos para gañar unha guerra. Como pode ser a vida dun supervivinte despois deses días? A morte dos que máis queres perseguen as lembranzas cada día.
Segunda visita, terceiro relato. Marchamos a Estados Unidos. Vencedores. A súa poboación queda afastada dos horrores da guerra. Agás os que aman ou son amados por militares. Só danos colaterais. Relato de amor, relato de destrución no mar. Os tiburóns constitúen unha parte esencial da inxustiza humana. Aquí xoga a natureza un papel importante sen ela procuralo. Pero a natureza é así: non entende de situacións estrañas. Actúa por impulso. Hai xustiza para os mortos?
En “Retrato do sol nacente” Ledicia, como non, lévanos ata a hecatombe das bombas atómicas. Esas que nunca deberon ser inventadas. Resulta ben estraño a capacidade do ser humano para discorrer armas de guerra. Con todo o que se ten investido neses estraños artefactos deberiamos saber xa como enfrontarnos a calquera enfermidade. Porén, o ser humano segue a buscar xeitos de matar. Máis alá das chagas que xamais curan: este relato abre as portas á esperanza. Por fin. Dun lado e do outro, a vida segue. Como se pode sentir a persoa que é a portadora dunha arma que destrúe cidades enteiras? Que senten as persoas que conviven canda eles? Pódese vivir con ese peso? Pódese parir sen remordementos?
O seguinte relato transpórtanos a Italia. Da man de interrogatorios extremadamente crueis, saberemos da fouteza dalgúns seres humanos convertidos en vítimas. Pero son espellos con dúas realidades: temos as vítimas afoutas e temos os verdugos sen piedade. As salas de tortura non parecen inventos humanos, pero sono. Algo fóra de toda lóxica humana. E seguimos sendo seres humanos! Que terrible contradición. Os berros das vítimas non entran nos oídos dos torturadores, o seu sufrimento non é captado pola pel destes últimos. Como é posible? Porén, si que o é. Inexplicable.
Un animal chamado néboa… deixa sen alento nas costas, sen bágoas nos lacrimais, e sen mans para agarrar o libro. Procuramos un repouso despois da súa lectura. Eu non son quen de seguir. E  miles de imaxes de filmes, miles de palabras doutros libros, miles de sentimentos asolagan a miña fonda tristura. Debo deixar o libro para pechar os ollos e inventar que nada é certo. O terrible é que si o foi. O terrible é que aínda está sendo. A violación como arma de guerra é algo permanente. Como é posible aferrarse á vida? A vida, ese ben tan preciado aínda nas circunstancias máis extremas. E con ela, a esperanza de que todo remate. Esta esperanza sustenta á protagonista deste maldito relato de morte e destrución da muller. Finalmente, é a morte a única liberación posible. Ser muller significa o maltrato do corpo e da alma. A indefensión da vaxina.
Chegamos ao final. Á xustiza humana. A uns xuízos que saben a pouco. Con cada xuízo, volvemos revivir a barbarie. Como poder comprendela? Como pensar nestas persoas como persoas? Como podemos converternos en meras máquinas de destrución masiva dos nosos conxéneres? Como é posible que sucedese todo isto?
Porén, sucedeu.
O malo é que pode volver suceder.
O peor é que non aprendemos da Historia.
O terrible é que hai persoas que admiran esta parte da nosa historia recente: a crueldade sen límites.
Si, este libro é unha puñada directa no estómago. Un “zasca” en toda a boca. É o recordatorio da infamia do ser humano. Estas letras son miles de labazadas nos lectores. Pero… podemos sequera maxinar canto sufriron todas esas vítimas?
Despois de todo, queremos seguir respirando.
Logo da néboa, aínda semella que cintilea unha pequena luz.
O outro día díxome unha compañeira que comezara a ler o libro antes ca min: “Carallo para Leticia. Que duro é este libro”. Lembrei a recomendación de lectura en 4º de ESO hai xa tres anos de Corazón de Xúpiter e o enfado do meu alumnado polo final. Contesteilles que os finais tipo Disney só se daban na pantalla. Por desgraza, Ledicia recolle o testemuño da realidade máis inhóspita de noso: esa que moitas veces non queremos ver. Eis unha función da Literatura: abrirnos os ollos. Ledicia encárgase con mestría.

Deixa un comentario!