Menu Xerais

«Agustín, a difícil sinxeleza», por Marica Campo

A escritora Marica Campo publicou, a pasada fin de semana, un artigo en El Progreso sobre Agustín Fernández Paz baixo o título «Agustín, a difícil sinxeleza». Reproducímolo a continuación:

SEN SE RESOLVER aínda o Premio Astrid Lindgren de Literatura (Alma) no que Agustín Fernández Paz se atopa entre os 175 candidatos procedentes de 62 países, chega a nova de que o escritor de Vilalba foi escollido pola Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil (Oepli) para optar ao Premio Hans Christian Andersen. Ambos os dous premios se equiparan ao Nobel no eido da literatura destinada á xente nova.

Independentemente do resultado que coñeceremos o 29 de marzo deste ano para o caso do primeiro, e o segundo en 2012, Agustín Fernández Paz é merecente destes galardóns como o foi algunha vez en todos cantos certames hai no país destinados a premiar obras deste xénero, incluído o Nacional de 2008 por ‘O único que queda é o amor’. Non en van é autor dunha extensa obra, máis de dúas ducias de libros que, aínda estando destinados a un público concreto, resulta gratificante ler pasadas a infancia e a xuventude. E se afirmo isto non é só pola miña propia experiencia, senón porque o puiden comprobar na tertulia literaria da Uned-sénior de Guitiriz. Seleccionei, xunto con outros títulos sobranceiros da nosa literatura, o libro antes citado, e dou fe do entusiasmo que espertou entre as persoas de máis de 55 anos que participan no faladoiro. (Á fin e ao cabo, literatura infantil e xuvenil é a que vale’tamén’ para nenos).

Coido que un dos maiores méritos da obra de Agustín é a sinxeleza. E sei que a sinxeleza é unha das cousas máis difíciles de conseguir. Unidos como as doas dun colar polo dobre fío do amor e a poesía, os dez relatos que integran ‘O único que queda é o amor’, son historias cotiás, aparentemente vulgares, mais o tempo irá demostrando como marcaron a vida dos seus protagonistas. Velaí o mérito do autor. Non precisa de artillaría para facer que estoure en nós un mundo de asociacións e lembranzas que nos transportan á nosa propia historia, marcada tamén pola épica das cousas pequenas dos días da nenez.

Se a isto lle sumamos a maxistral dosificación de certos elementos fantásticos, moi fondamente arraigados no noso imaxinario, xunto co misterio que crea o seu xeito de xogar coas sombras, atoparemos a explicación do engaiolamento que produce a lectura dos libros de Agustín Fernández Paz.

Mais, sobre todas as cousas, eu destacaría a tenrura con que este autor trata temas e personaxes. Tampouco isto é doado de facer sen esvarar en sentimentalismos baratos. Un exemplo do que digo é ‘Lúa de Senegal’, outro fermoso libro da súa autoría no que se mete na pel dunha nena inmigrante que, a relatarnos a súa peripecia, nos ensina que a señardade do que deixa unha terra é algo universal. Así a empatía é posíbel e a fantasma da xenofobia afástase.

Decidan o que queiran os xurados, Agustín xa ten o mellor dos premios: a devoción incondicional de milleiros de lectores.

Marica Campo

Comentarios pechados