Menu Xerais

Agustín Fernández Paz: ««A ambición de escribir a mellor novela sempre está aí»». Entrevista de Lourdes Varela

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publicou unha entrevista de Lourdes Varela con Agustín Fernández Paz centrada no seu último libro, O rastro que deixamos.

 

«A ambición de escribir a mellor novela sempre está aí»

Recentemente nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, Agustín Fernández Paz vén de publicar O rastro que deixamos (Edicións Xerais): un volume –dacabalo entre as memorias da infancia-mocidade e mais a reflexión sobre o oficio de escribir en galego e dende Galicia– no que agasalla aos seus lectores cunha sorte de pistas que os conducirán a descubrir o seu xeito de entender a literatura; pero tamén a vida que a sementou.

–Como deben entender os lectores O rastro que deixamos? Como un anticipo das súas memorias, unha reflexión sobre a obra escrita até agora ou, acaso, como o peche dun ciclo e o comezo doutro na súa vida / literatura?

–Das opcións suxeridas, a que máis se achega é a segunda.A miña vida, como a de calquera persoa, ten múltiples facetas; neste libro percorro dúas delas, sempre coa memoria como tema principal. A memoria da vida e a importancia da literatura nela, como lector e como escritor, pois lectura e escrita veñen ser as dúas caras dunha mesma moeda.

–O libro comeza con “A paisaxe da memoria”, serie de textos que reflicten vivencias da nenez e mocidade na súa Vilalba natal, e que Vde. recoñece que foron decisivas para a súa literatura. “O oficio de escribir”, que así se titula a segunda parte, vén ser o máis influído polas experiencias da infancia ou, o seu, é un caso moi particular?

–Calquera vida é orixinal e irrepetible. Eu sosteño que, á hora de escribir, os anos de infancia e mocidade teñen un peso moi grande. É neles cando asistimos á creación do mundo; tamén cando cristalizan as liñas esenciais do noso xeito de ver e de estar na sociedade.

–Fronte a aqueles que pensan que “a Patria é a infancia”, taménestán os que din: “un non é de onde nace, senón de onde pace”. Como combina Vde. estes tópicos, aparentemente contrarios, pero que, probablemente, ambos conteñan elementos de verdade?

–A min gústame lembrar que escribimos cos fíos da vida. É o único material que temos de man para tecer os nosos libros. Contan todas as experiencias; xaora, todas nos moldean.Aínda así, creo que as da infancia son máis esenciais e duradeiras.

–Aínda que o Premio Nacional se lle concedera por unha obra de literatura infantil/xuvenil, Vde. está recoñecido como un dos autores galegos que con máis naturalidade pasa de escribir literatura para mozos a facelo para os adultos. Cal é o segredo que explica que este cambio de rexistro semelle do máis natural na súa escrita?

–Non creo que haxa segredo ningún; un sempre escribe coa ambición de facelo o mellor posible. Escribir para persoas que están a madurar a súa competencia lectora, non supón rebaixa ningunha nesa ambición (se cadra, é ao revés). Por outra banda,a moitos dos meus libros,incluído o que acadou o Premio Nacional, gústame chamarlos “de fronteira”: pode lelos unha persoa moza ou unha adulta, aínda que logo fagan lecturas distintas.

–Falando de rexistros. Para Vde., que normalmente escribe ficción, resúltalle un esforzo engadido facelo sobre a realidade, digamos, ao xeito xornalístico, cando ten que redactar un ensaio ou pronunciar unha conferencia?

–Hai anos, gustábame escribir ensaio, parecíame un eido apaixonante. Sigo considerándoo así, como lector. Pero, á hora de escribir,resúltame moito máis estimulante facer ficción.

–Ao tempo que O rastro que deixamos, igualmente vén de saír do prelo Cartas de inverno (Xerais), adaptación á banda deseñada dun dos seus relatos. Que lle pareceu o resultado e como describiría esta experencia? Gustaríalle que que outras obras súas tamén fosen adaptadas ao cómic?

–A linguaxe do cómic –verboicónica– e a da narración –só verbal– son moi distintas. Mais as dúas teñen en común o seren narrativas, canles para contar historias, ese alimento esencial que a humanidade leva no seu ADN. Acollín con agrado a proposta de Antonio Seijas para adaptar Cartas de inverno, consciente de que sería unha obra distinta, tal como acontece nas boas adaptacións cinematográficas. E si, xaora que me gustaría ver en banda deseñada outros libros meus.

–No texto que acompaña Cartas da inverno, confesa Vde. que tamén lle gustaría que dalgunha das súas obras se fixese unha versión para o cine. Se lle deran a escoller, cal libro elixiría para que o convertesen nunha película?

–Das que levo escritas, hai varias novelas miñas que poderían orixinar unha boa película, aínda que iso depende en boa medida de quen a fixese. Eu citaría Aire negro (que xa estivo a piques diso), Non hai noite tan longa ou algúns dos relatos d’O único que queda é o amor.

–Outra confesión de O rastro que deixamos: di alí Vde. que se xubilou para ter máis tempo para escribir. Está certo de que as súas mellores obras aínda están por vir?

–De non crer na posibilidade de escribir libros mellores no futuro, quizais sería o momento de deixar este traballo.A ambición de escribir a novela da nosa vida sempre está aí. Outra cousa é que se consiga, pero é obrigatorio intentalo.

–Non podería rematar esta entrevista sen aludir ao doutorado honoris causa que lle outorgaron recentemente. Que sente o “rapaz de Vilalba” diante de semellante distinción por parte da Universidade?

–Ante feitos así, un séntese superado: son cousas que un sempre pensa que lle suceden a outros,non a unha persoa normal como son eu.Agradezo de corazón a distinción que se me outorgan. Que sexa a Universidade deVigo, cidade onde vivo e traballo desde hai máis de vinte anos, paréceme un agasallo inesquecible.

Lourdes Varela

 

Deixa un comentario!