Menu Xerais

Agustín Fernández Paz e Xosé Ramón Pena, Premios da Crítica nas modalidades de Creación Literaria e Investigación

Os escritores Agustín Fernández Paz e Xosé Ramón Pena resultaron esta fin de semana galardonados cos Premios da Crítica nas modalidades de Creación Literaria e Investigación.

Agustín Fernández Paz corresdeulle o premio na modalidade de creación literaria pola súa novela A viaxe de Gagarin. O xurado estivo composto por Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural, Sermos Galiza; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico; Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia.

Xosé Ramón Pena corresdeulle o premio na modalidade de investigación pola súa obra Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento. O xurado estivo composto por Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV; Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e Afonso Vázquez Monxardín, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia.

O xurado salientou de A viaxe de Gagarin que é unha novela que vén culminar un ciclo narrativo, na que o autor realiza unha emotiva viaxe desde o presente cara a unha parte da nosa historia recente tantas veces silenciada. Este reencontro desenvólvese a través dunha arquitectura textual ben definida e mediante unha linguaxe diáfana e sedutora tecida desde un galego rico e depurado. Así mesmo quere destacar o labor documental e as múltiples referencias socioculturais á época na que se sitúa a trama”.

O xurado destacou de Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que constitúe un libro de referencia imprescindible. Fai unha excelente e documentadísima revisión crítica das cuestións máis controvertidas do Rexurdimento galego mediante a análise exhaustiva da bibliografía literaria e histórica existente achegando sempre unha visión persoal e moi novidosa en múltiples aspectos.

 

 

Deixa un comentario!