Menu Xerais

Agustín Fernández Paz será nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo

O escritor Agustín Fernández Paz será nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo a proposta do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVI, que acordou o nomeamento por unanimidade. A plataforma Prolingua dá información sobre esta relevante noticia. Esa mesma plataforma está a preparar unha homenaxe nacional ao escritor.

Agustín Fdez. Paz para Doutor honoris causa

Hoxe, 20 de xuño de 2012, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo acordou por unanimidade aprobar a proposta de nomeamento de Agustín Fernández Paz como Doutor honoris causa en Filoloxía Galega pola dita universidade. É unha excelente nova que aplaudimos dende esta plataforma da cal Agustín é membro destacado.

É de xustiza sinalar que ademais dos méritos literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos que do noso compañeiro destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega, houbo un pedimento expreso da AELG por medio dunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas reclamando este título honorífico.

Ao fío deste magnífica nova, lembrámosvos que dentro duns poucos días, o sábado 30 de xuño, terá lugar a Homenaxe Nacional a Agustín en Vigo, e aproveitamos para sinalar que aqueles que queirades asistir debedes de nolo indicar antes deste luns no enderezo de correo electrónico homenaxeagustin@gmail.com –sobre todo aqueles que desexedes tamén asistir ao xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo (Avda. Beiramar, 57), pois debemos facilitar a listaxe de comensais.

Deixa un comentario!