Menu Xerais

«Aínda hoxe un home cun comportamento nefasto cara á súa familia pode ser moi ben considerado a nivel público» di M. X. Queizán arredor do seu libro «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial»

A xornalista M. Dopico dedicoulle esta fin de semana no xornal Galicia Hoxe unha crónica ao libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, así como a súa autora. Reproducimos a información íntegra a continuación:

Vencer a morte, devolver a vida

María Xosé Queizán debulla as circunstancias nas que naceu o «Frankenstein» de Mary Shelley

A arela de vencer a morte, devolver os seres queridos á vida. E a necesidade de amar e de ser amado e a dor que causa o rexeitamento social do diferente. Son, segundo María Xosé Queizán, alicerces do Frankenstein, a novela pola que é máis coñecida Mary Shelley. A escritora galega desentraña en Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial todos os factores que explican a creación deste famoso personaxe por unha autora que se debatía “entre a herdanza ilustrada e racionalista e o ambiente romántico”.

A obra, un ensaio con ronsel de novela, afonda non só na figura de Mary Shelley e a súa familia, senón no contexto histórico e en especial no escenario intelectual da época: científicos, artistas… “Foi un traballo de moitos anos. Sempre me interesou moito o Frankenstein de Mary Shelley. Levo moito tempo recollendo material e, si, documenteime moito. O obxectivo é explicar como xorde unha novela tan fantástica, da man dunha escritora tan nova, que ademais tivo unha vida tremenda. Súa nai morreu no parto dela, perdeu fillos, a irmá suicidouse… e a súa novela foi un xeito de optar pola vida, de crear vida ante tanta morte”, indicou Queizán.

Mary Shelley era filla de Mary Wollstonecraft, a autora de Vindicación dos dereitos da muller, un texto fundacional do feminismo. Unha muller que cuestionou xa a distinción entre o público e o privado, adiantándose a Simone de Beauvoir na crítica do mito da maternidade. Como a súa filla, tratou de manter a súa autonomía, aínda que para iso tivese que a contracorrente das convencións sociais. “Mary Shelley fuxiu con Percy Shelley sendo moi nova, e non casaron ata que morreu a muller del. Ela non quería casar, pero el pensou que así podería quedar cos fillos. Ela enfrontouse á sociedade totalmente. Escribía nesa soidade…, como o fixo Rosalía. Rompeu con todo, e morréronlle varios fillos, tivo abortos… a causa do xeito de vida romántico que levaban, sempre viaxando…”, engadiu.

Mary, que era unha persoa interesada nos avances científicos, sabía, deste xeito, que a criatura da súa novela non podía ser un ser humano máis, porque a sociedade non o admitiría nun tempo no que a Igrexa reivindicaba, como agora, para Deus a orixe da creación. “Ela sabía que iso non sería aceptado nin polos seus propios compañeiros. Por iso a criatura do doutor Frankenstein só podía ser un monstro. Hoxe a Igrexa segue a defender o mesmo, e preocúpase máis por un óvulo no útero dunha muller que pola muller mesma”, sinalou.

O libro pon de manifesto tamén a contradición entre os elevados ideais dos románticos e o abandono dos seres queridos que ás veces a entrega ós mesmos supoñía. “Iso pasa aínda hoxe”, comenta Queizán. “A figura do pai coidador é moi recente. E aínda hoxe un home cun comportamento nefasto cara á súa familia pode ser moi ben considerado a nivel público”. A dicotomía, e á súa vez a convivencia, entre paixón e razón, nas mesmas persoas, é outro dos alicerces da tese formulada polo ensaio.

DATOS

A proposta para a RAG “non me preocupa, chega un pouco tarde”

Queizán foi proposta desde o Concello de Vigo, co posterior apoio doutros concellos e das sinaturas de 400 persoas, para ocupar unha das vacantes da Real Academia Galega. Sobre esta cuestión, comenta que “estou disposta a denunciar, claro, a pouca presenza das mulleres nas institucións. A RAG tivo que recibir a proposta de fóra. E no aspecto personal non é un tema que me preocupe. Xa é un pouco tarde, aínda que asumiría a responsabilidade xa que así o propuxeron os concellos e toda a xente que asinou”.

OPINIÓNS

A Lei de Familia, “volta atrás”

Queizán apunta no libro cuestións como a desigualdade da muller no mundo laboral ou doméstico. “A Lei de Familia é unha volta atrás. E ademais isto repercute moito na sociedade”, opina.

Volve o discurso da lingua bonita

O seu libro A muller en Galicia, no que establece un paralelismo entre a opresión da muller e da lingua galega, volve estar moi de actualidade. “O que se infravalora preséntase como algo fermoso…”, comenta.

M. Dopico

Comentarios pechados