Menu Xerais

Alberto Canal: «En Birkenau había persoas que buscaban nas relacións sentimentais un motivo para sobrevivir»

O xornal La Región publicou unha entrevista de Sonia Torre a Alberto Canal pola súa nova novela, O amor nos escuros días de Birkenau, unha novidade de Xerais Narrativa para este verán. A entrevista pode lerse ou descargarse completa en pdf nesta ligazón.

 

«O Holocausto tense convertido nun xénero literario, eu enmarco esa época»

Trala publicación, no ano 2008 do seu primeiro traballo literario en Xerais, “Conexión Tubinga”, o escritor ourensán Alberto Canal volve as librerías cun novo traballo que acaba de ser editado. “O amor nos escuros días de Birkenau”

É a súa segunda novela, finalista do Premio Xerais, onde un perruqueiro, Thomas Münch, e unha xudea, Irene Rosenthal, marcan o protagonismo nunha das épocas máis escuras da máis recente historia da humanidade.

Como encontrou esta historia?

Ten moito que ver cunha anécdota que me aconteceu nunha feira de Expourense. Fun pedir información a un expositor que había de Polonia, xa que quería ir visitar o país. Cando lle dixen á muller que tiña intención de visitar Auschwitz e Birkenau, tentou convencerme de que non fora e, finalmente, confesou que parte da súa familia falecera nese campo. Non lle fixen caso, pero é certo, que estando alí tiven certo cargo de conciencia. Nese momento non me plantexei escribir nada sobre iso, pero despois da viaxe fixenme preguntas e indaguei, e aí descubrín a vida de catro heroínas que se rebelaron en Birkenau, e aínda que non son as miñas protagonistas, servíronme de base. Despois vin nun documental como lle preguntaban a un perruqueiro se había amor en Birkenau. A súa resposta foi a que inspirou esta novela.

O amor o cura todo?

Neste caso, si. Había moitas persoas que, aínda que sabían que non lles quedaba moito tempo de vida porque a maior parte da xente duraba poucos días, buscaban nas relacións sentimentais esa agarradoira ante a vida, ter un motivo para loitar dentro do campamento e lograr sobrevivir.

Como estructurou a trama?

A novela ten dous fíos argumentais. Un é a relación sentimental entre un preso político alemán, condición que lle daba moitas máis posibilidades de sobrevivir, cunha xudía polaca, que se converte na súa agarradoira para implicarse nunha revolución que ten como finalidade facer explotar os crematorios e facilitar unha fuxida.

Queda moito por contar desta barbarie ou maneiras de contar?
Home, está claro que o Holocausto se ten convertido case nun xénero literario. Eu abordo unha novela histórica, polo que non hai unha percepción de orixinalidade, senón que utilizo ese pano para enmarcar a época. O que si ten é un punto de vista propio á hora de enfocar a historia que se pretende contar.

Que foi o máis complicado para escribir esta novela?
Quizais o aspecto documental. Non tanto a nivel xeral, porque todos temos moitas imaxes na mente do Holocausto e temos un montón de referentes no mundo do cine. O complicado foi tratar de conxuntar os datos históricos pero cinguíndoos ao tempo que dura a trama, aí foi donde tiven que fiar un pouco máis fino. Tiña que axustarme aos acontecementos que tiveron lugar en Birkenau durante o último ano que estivo aberto o campo, antes da liberación.

Sonia Torre

Deixa un comentario!