Menu Xerais

Alberto Martí: «Con este libro queremos facer máis comprensibles fenómenos atmosféricos que a xente coñece». Entrevista no «Praza Pública» sobre: «Os tempos e o clima de Galicia»



O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Marcos Pérez Pena á Alberto Martí sobre o libro: Os tempos e o clima de Galicia, publicado por Xerais na colección Básicos Ciencia. (Imaxe: Praza Pública).


Alberto Martí: “De manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla”

Pasamos todo o día falando do tempo (“E mañá choverá?”). Nos ascensores, para para organizar a fin de semana ou para colgar a roupa. Pero canto sabemos sobre o tempo e o clima, sobre as súas variacións e fenómenos e sobre como predicilo? Os profesores de Xeografía Física da USC Alberto Martí e Dominic Royé, o meteorólogo Juan Taboada e o xornalista Xavier Fonseca publicaron hai uns meses o libro Os tempos e o clima de Galicia (Xerais), unha obra de divulgación científica que debulla de forma didáctica e cunha linguaxe sinxela os elementos máis importantes da meteoroloxía.

 

A obra, acompañada por un abundante apoio visual (mapas, imaxes de satélite e de radar, gráficos, debuxos e fotografías) repasa algunhas curiosidades sobre o tempo que fai emn Galicia e sobre fenómenos que nos afectan de forma cotiá. No volume tamén se recollen os récord climáticos galegos, que nos permiten saber cal é o concello no que máis chove, onde fai máis sol, ou onde fixo máis frío dende que hai rexistros fiables

O libro fala tamén de cambio climático. O clima está a cambiar de forma acelerada; é un feito. Unha realidade que ademais xa estamos a percibir no noso día a día. Os primeiros días de calor cada vez se adiantan máis no ano, e de igual xeito os outonos cada vez son máis cálidos. As precipitacións son menores e, ademais, sofren alteracións máis extremas. No 2017 Alberto Martí e Dominic Royé publicaron un traballo que explicaba como froa cambiando o clima de Santiago de Compostela nas últimas décadas.

A comunidade científica estudou tamén os efectos futuros, que se manterán nas vindeiras décadas por mor das emisións de CO2 á atmosfera, e que debuxa un clima en Galicia moi distinto ao actual e con consecuencias moi negativas no litoral. Falamos con Alberto Martí, un dos autores do libro.

Tradicionalmente sempre se mirou o ceo, a xente necesitaba saber que tempo ía facer para poder levar a cabo a súa actividade, no campo ou no mar. Había métodos tradicionais de observación e predición que foron superados polas técnicas científicas. Pero sabemos hoxe moito ou pouco sobre meteoroloxía? O tempo aféctanos a todos, falamos moito del, pero temos uns coñecementos mínimos?

Efectivamente, é un dos temas sobre os que máis se fala. E ademais fala del todo o mundo, porque a todo o mundo lle afecta no seu día a día, dende a xente máis nova á xente de máis idade, que ademais foi acumulando loxicamente máis experiencia climática. Pero o certo é que hai bastante confusión, bastante descoñecemento neste tema, mesmo sobre algúns conceptos e termos que se repiten con frecuencia, e moitas veces de forma incorrecta.

Refíreste por exemplo á diferenza entre tempo e clima?

Si. O tempo é o estado da atmosfera nun momento e un lugar determinado; e o clima é un concepto moito máis estable e pódese definir como o conxunto de condicións atmosféricas habituais dun lugar nun longo período de tempo. Son dúas cousas completamente diferentes e a xente tende a confundilas moito e a empregar os dous termos de forma indistinta. E refírome tamén a xornalistas e medios de comunicación, que adoitan falar de ‘climatoloxía adversa’, cando deberían falar de ‘tempo adverso’ ou de que ‘volve o clima invernal’, cando o correcto é falar do ‘tempo’.

O libro ten, nese senso, unha vontade de divulgación, de transmisión de coñecemento práctico, mesmo achegando moitas curiosidades sobre o tempo e o clima de Galicia. E dá a impresión de que podía ter incluído moitos máis temas. Dá para falar o asunto do tempo, non si?

Si, queríamos desenvolver os contidos do libro dunha maneira sinxela, cunha linguaxe amena, con multitude de recursos didácticos -mapas, gráficos, fotos, recortes de prensa…- para facer máis comprensibles fenómenos atmosféricos que a xente coñece, porque os viviu. Queríamos que o libro fose accesible, pero sen perder rigor, cos métodos máis actuais e con fontes novidosas.

A maior parte do índice está plantexado en forma de preguntas, temas cotiás sobre os que moita xente se preguntou algunha vez. E a continuación pasamos a contestalas unha por unha. E xa no remate do libro introducimos algunhas curiosidades sobre o tempo e o clima que pensamos que sempre están aí no aire: dende por que a auga nas Rías Baixas está tan fría, por que cambia a cor do ceo, por que é beneficioso o frío para as árbores froiteiras ou se o vento pode provocar transtornos psíquicos nas persoas.

Galicia, pola súa orografía e a súa situación, no balcón do Atlántico, ten un clima variado e, ademais, un tempo cambiante. Estamos nun lugar interesante para estudo da meteoroloxía e a climatoloxía?

Si, esta quizais é unha das cuestións que máis chama a atención no libro e que puidemos amosar de forma máis clara, grazas aos mapas que publicamos. Ás veces preséntase Galicia como se tivese unha homoxeneidade climática, sobre todo cando se amosa un mapa estatal, que se limita a sinalar que o noroeste ten ‘clima oceánico’. Pero a realidade é que hai unha gran diversidade interna, entre a costa e o interior, entre a Mariña lucense e as Rías Baixas, entre a Terra Chá e Ourense. Galicia é un país cunha gran cantidade de matices e contrastes climáticos e meteorolóxicos. Por exemplo, Verín conta cada ano con máis do dobre de horas de sol que Abadín. E, en cambio, Abadín ten o dobre de días de chuvia que Verín. E todo isto é debido a un relevo moi irregular e rico e ao feito de estar de cara ao Océano Atlántico, que ten unha grande influencia sobre o clima galego.

O libro inclúe os resultados dunha enquisa que realizastes hai un tempo, na que se preguntaba a 700 persoas en que tipo de clima preferían vivir. Cales foron os resultados?

Nesa enquisa recollemos que á maior parte da poboación de Galicia lle gustaría ter un clima con veráns suaves, invernos tamén suaves, sen demasiado frío, con bastantes horas de sol, non demasiadas precipitacións… Despois, a través dun modelo elaboramos un mapa para ver as zonas de Galicia que cumpren en maior medida con esas preferencias subxectivas da xente, que coincidirían sobre todo co clima das Rías Baixas. Neste tipo de estudos resulta moitas veces curioso como moitas persoas din preferir un clima distinto ao que habitualmente teñen. En Canarias, por exemplo, o que máis se valoraba era a ausencia de vento, cando as illas son moi ventosas, pola presenza dos alisios. E en Andalucía o que se reclamaba era veráns frescos e máis días de chuvia.

O libro tamén trata, como non podía ser doutra forma, o cambio climático, do que estes días se está a falar aínda máis que nunca, por mor do Cumio de Madrid. O cambio climático é un feito demostrado, aínda que algúns sectores se neguen a aceptalo?

Que o clima está cambiando é unha evidencia demostrada cientificamente, algo que temos tan claro como que a Terra é redonda. Está totalmente comprobado que o cambio climático é unha realidade, aí están os datos e as series estatísticas, e ademais é algo que xa estamos sufrindo, non é unha ameaza futura.

O que máis nos chama a atención é que nos últimos anos o cambio do clima se está acelerando máis do que hai uns anos se podía esperar. Hai algunhas variables que nolo están indicando, sobre todo as relacionadas coas temperaturas, a frecuencia e intensidade das ondas de calor, o incremento dos chamados días de verán -aqueles días nos que se acadan ou se superan os 25 graos-, a súa aparición cada vez máis temperá na primavera e a súa permanencia ata cada vez máis tarde no outono, que cada vez é unha estación máis cálida.

De aí a urxencia de actuar, que se está reclamando estes días no Cumio do Clima de Madrid, porque se non actuamos xa de forma decidida, a situación se nos vai escapar das mans. Despois será moito máis difícil de frear. Temos que ser conscientes de que aínda que eliminásemos agora as emisións o cambio climático continuaría, porque o CO2 que fomos acumulando seguiría na atmosfera durante moito tempo. Pero é que se non facemos algo xa, o incremento das temperaturas vai ser aínda moito máis rápido e perigoso.

Podemos saber xa como vai ser o clima en Galicia dentro dun par de décadas se continúa a tendencia actual?

Si, podemos facer unha previsión moi fiable de como será a situación dentro duns anos nun lugar concreto, de manterse as actuais tendencias. Son modelos complexos e bastante precisos, nos que levamos traballando dende hai décadas e que están cumprindo o que dicían hai tempo. Polo tanto, aí están esas previsións de que en 20, 30 ou 40 anos o clima de Santiago, sobre todo a súa temperatura, se parecerá ao que hoxe ten Ourense, e que o clima de Ourense se parecerá ao que hoxe ten Sevilla. Aí están e hai que facerlles caso, porque non son afirmacións de ciencia ficción, senón baseadas en traballos fiables e moi elaborados, en datos obxectivos.

Comentarios pechados