Menu Xerais

Alquimia marabillosa: «O raposo e a mestra», de Manuel Rivas. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog unha recensión crítica sobre O raposo e a mestra, o conto infantil de Manuel Rivas ilustrado por Jacobo Fernández Serrano.

 

 

«O raposo e a mestra», de Manuel O’Rivas

Dicía José de Almada-Negreiros que «nós não somos do século d´inventar palavras. As palabras já foram inventadas. Nós somos do século d´inventar outra vez as palabras que já foram inventadas». Moitos anos despois de que  o poeta portugués idease esa reflexión autoras e autores hai que seguen a inventar palabras ou, cando menos, seguen a procurarlle unha nova semántica ás que alguén xa inventou. Talvez escribir sexa tamén iso e certo e talvez  Manuel Rivas transite por estes camiños neste  retorno á literatura infantil, acompañado pola magnífica lectura visual, tan clara e suxestiva, da man de Jacobo Fernández Serrano que consegue, como o primeiro afirma, unha «alquimia marabillosa» nesa «transmigración das palabras ás imaxes».

     O raposo e a mestra posúe, ao meu ver, varios niveis de lectura, o que posibilita unha moi rendible e satisfactoria lectura ou lecturas: a escolla de dous protagonistas como son ese raposo chamado Pindo -o seu nome non resulta, claro é, nada inocente- e mais unha mestra, apoia desde o título esa reinvención xenérica que se opera no libro e que reactualiza modelos que van da fábula até as historias de xorne popular, desde os padróns que se vinculan co parateatral até o relato de aprendizaxe, sempre outorgando unha perspectiva orientada a explicar que non todo é como semella e que certos tópicos permanecen latexantes para, xustamente, ser alterados.

      Ao meu xuízo Rivas acerta ao incorporar nesta historia moita música aplicándolle un ritmo narrativo que ganduxa coas doses precisas, e contidas, desa linguaxe metafórica e  lírica que caracteriza desde sempre  a súa prosa, incorporando a presenza de cantigas populares, en diversos idiomas, que testemuñan a relevancia de todas as linguas,  do que nelas se agocha e do que elas transmiten,  alén de homenaxear e recoñecer a nosa propia contorna natural e o mundo da educación, universos tan precisados de agarimo e acobillo.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados