Menu Xerais

Alta literatura: «Cadeas», de Xabier López López. Anotación de Agustín Agra

O escritor Agustín Agra publicou no blog de Barbantia unha anotación sobre Cadeas de Xabier López López.

 

 

Cadeas (digresión artística), de Xabier López

Cadeas –o texto de Xabier López gañador do último premio Xerais– son dúas cadeas entrelazadas. Unha delas amósase como unha novela na que nos seus elos -capítulos–”Adiviña quen ven cear esta noite”– se recrea o encontro entre un escritor e un matrimonio lector da súa obra; a segunda preséntase como unha presada de elos-relatos, independentes a primeira vista, mais anoados entre si dun xeito sutil ao tempo que forte.

Alén da súa excelencia estilística –no vocabulario, a sintaxe, a variedade e dominio de moi diversas técnicas narrativas–, a maioría das recensións publicadas dende a súa saída do prelo non deixan de incidir na pregunta de se se trata dunha novela ou dun conxunto de relatos e cales son os límites destes xéneros literarios.

Daquela eu pregúntome se ten sentido cuestionarse no S. XXI se unha instalación ou a intervención dun espazo público son escultura ou se a video-arte é pintura dadas as súas tri e bidimensionalidades respectivas. As artes tradicionais –pintura, escultura, arquitectura– percorreron un longo camiño na última centuria. As obras romperon os moldes hai moitos anos: saíron de marcos e pedestais, tanto cara aos lados como cara adiante, invadindo todo o espazo e Xabier López. Foto: Santos-Díezimplicaron directamente o espectador. Que opción lle queda agora a este máis ca imaxinar e ver máis alá do que se ve? De ler e mesmo participar no que ten ante si? Vivimos no tempo da arte despois da arte, a modernidade deu paso á postmodernidade, os pintores volvéronse artistas plásticos e estes en… en que?

A digresión vén a conto de que non teño resposta a se Cadeas é unha novela ou un conxunto de relatos. Pero de igual xeito que tivemos que afacernos a unha nova forma de “mirar” quizais, como lectores, deberiamos afacernos a unha nova forma de ler.  Teño a percepción –errada seguramente– de que a Teoría da literatura segue demasiado pendente da referencial Poética de Aristóteles e que quizais nestes máis de dous milenios os xéneros literarios e mais os termos con que se designan mudaron a ritmos diferentes.

Daquela, Cadeas, que é? Pois quizais nin unha cousa nin a outra ou ambas a un tempo. Eu nin teño a resposta nin tampouco son quen para categorizala. Do que si estou certo é que Cadeas é literatura, alta literatura; e tamén de que o meu papel é o de outsider: opino, pero de literatura non teño nin idea.

Agustín Agra

Comentarios pechados