Menu Xerais

Amado Ramón Piñeiro. Artigo de Jaureguizar sobre «Amada liberdade», de Fernándo Pérez-Barreiro Nolla

O escritor e xornalista Jaureguizar reproduciu no seu blog a columna sobre Amada liberdade, de Fernándo Pérez-Barreiro Nolla, que publicou a fin de semana no xornal El Progreso.

 

AMADO RAMÓN PIÑEIRO

Temos unha tendencia equivocada a ler as memorias coma se fosen biografías. A min pasoume con ‘Amada liberdade’ (Xerais), o libro de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. A súa biografía é tan motivadora que foi decepcionándome consonte avanzaba o volume. As primeiras cen páxinas, onde traza os peculiares personaxes da súa árbore xenealóxica (co pai publicando esquelas dos mortos locais asasinados por Drake ou o tío eremita horrorizado cando lle anuncian que o sobriño vai vivir a Inglaterra) parecen unha revisión paródica de Valle-Inclán. A partir de aí, Fernando Nolla vai contando o que lle peta e como lle peta: poucas referencias xeográficas e a penas algunha cronolóxica. Á metade do libro atopeime perdido, atrapado entre as curiosísimas vivencias que lera e a sensación de que sería incapaz de establecer a liña biográfica de tan interesante intelectual galego. Informado pola súa viúva, Teresa Barro, de que Fernando Nolla non escribira o texto, senón que llelo ditara a ela, reparei o engano estaba no meu xeito de ler. Daquela, encarei a segunda parte de ‘Amada liberdade’ persuadido de que o xénero memorialístico consiste en explicarse diante da posteridade. Ese descubrimento axudoume a comprender o motivo de que dúas figuras da dimensión de —Xosé Manuel Beiras e Eduardo Punset— pasean polas lembranzas de Nolla cunha presenza moito menor da que lles correspondería como amigos seus. Pérez-Barreiro quería publicar ‘Amada liberdade’ para deixar constancia do entusiasmo entregado e a posterior decepción que lle causou Ramón Piñeiro. Con esa clave mesmo creo comprender o título.

Jaureguizar

Comentarios pechados