Menu Xerais

Ameixeiras: «Confío no sentido do humor dos dirixentes nacionalistas»

A perda da presenza en San Caetano tras as eleccións do 2009 supuxo unha convulsión no Bloque Nacionalista Galego. O sangue non chegou ao río, pero Diego Ameixeiras decidiu levalo pola súa conta para escribir Asasinato no Consello Nacional, a novela coa que Xerais agarda en setembro unha recepción proporcional ao ascenso do que goza o autor ourensán. A acción comeza nun tras unha xuntanza da cúpula frontista na que a executiva presentou a súa dimisión. Ao remate da reunión, o candidato da UPG a voceiro do Bloque vai subir no coche e sorpréndese de que se lle achegue un encarapuchado que lle dispara tres balas contra a cabeza. O crime provoca que se inicie unha investigación oficial e, paralelamente, outra máis discreta que os nacionalistas encargan a Alberto Cudeiro.

Diego Ameixeira proclama que Asesinato no Consello Nacional é unha homenaxe patente de 264 páxinas a Asesinato en el Comité Central, a novela imprescindible de Manuel Vázquez Montalbán. «El escribiu ese libro nun momento de moitos problemas no PCE, atreveuse a sacar á luz o mundo interior do partido comunista e pareceume que a tesitura na que estaba o Bloque tras as eleccións do 1-M eran semellantes», argumenta. O escritor engade que «chamoume a convivencia de distintas correntes: dende a UPG, que simboliza o máis ortodoxo, a Máis Galiza, que son máis pragmáticos, pasando polo irmandiños de Beiras, na liña do altermundismo». O autor confesa que «é curioso saber como funciona ese mundo», ao que el se achegou «a través da prensa e xente que me daba as súas teorías sobre o BNG», que son do máis diverso. A derrota do ano pasado tivo como consecuencia «que saísen á luz vellos rancores», que foron vehiculizados «nuns foros de internet divertidísimos pola sinceridade coa se fala neles e que se agradece para construír personaxes». Con todo, eses comentarios foron un complemento «porque hai personalidades, como a de Beiras, Quintana ou Paco Rodríguez, que son moi literarias». Dese triunvirato, recoñece que escolle o primeiro, «porque podes estar de acordo ou non con el, pero non pasa desapercibido: poslle un micro diante e dáche cen mil titulares». Estes políticos figuran na obra con alcume «porque é obvio que van ser identificados» e Ameixeiras percibe moi delicado poñerse «nas súas cabezas dando nomes reais». A fin de evitar malentendidos, advirte de que, no dramatis personae de Asasinato no Consello Nacional «hai composicións a partir de persoas reais, de conxecturas que se barallan nos debates de internet e tamén arquetipos da UPG e do quintanismo».

Diego Ameixeiras amósase «soprendido de estar falando dun libro cando aínda non saíu», como se nunca pensase na posibilidade de que a súa fición teña un eco de incomodidade no Bloque. «Confío no seu sentido do humor e no seu sentidos de autocrítica, confío en que se vexa como sátira política; non creo que ninguén se poida sentir ofendido», entoa a xeito de penitencia inocente. A seguir, intenta despregar a complexidade da obra, protestando de que «non fala exclusivamente do BNG, hai tamén unha trama que vén da Guerra Civil e hai unha evolución do personaxe». «Non fixen un ensaio nin unha historia do Bloque», subliña. Esa teima en abrir o abano temático da súa novela non impide que acepte que creou un detective novo, Alberte Cupeiro, porque o seu investigador de cabeceira, Horacio Dopico, «é demasiado bruto» e Ameixeira pretendía «un punto de vista máis pausado das leas no BNG». Cupeiro ten a súa atención vital posta no pensamento oriental, mesmo é taoísta, polo que «as loitas internas no Bloque parécenlle pequenas miserias, a el dálle igual se mandan os da UPG ou os quintanistas, quere resolver o crime e facturar». Ese escepticismo non agocha que o detectiva teña, tamén, un pasado político que lle resulta conflitivo «e que ten que ver coa Guerra Civil», un episodio do que arrastra «outra trama que debe solventar». O novelista ourensán elabora as súas ficións entre as marxes do xénero negro, «polo que tamén hai dúas personaxes coas que formará un triángulo amoroso». Jaureguizar

Texto publicado por Jaureguizar no blog Cabaret Voltaire o 13 de agosto de 2010.

Comentarios pechados