Menu Xerais

Amena investigación xornalística: «A Galicia máxica de García Márquez», de Carlos G. Reigosa. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet,  unha recensión crítica sobre  o libro A Galicia máxica de García Márquez, de Carlos G. Reigosa.

 

O engado da verdade poética

Desde hai tempo circula a fantasía ou mesmo realidade da suposta avoa galega de García Márquez. A avoa galega de García Márquez é, daquela, dona Tranquilina Iguarán Cotes, nada en Riohacha o 5 de xullo de 1863 e falecida en Sucre en 1947. García Márquez fala de que aprendeu desta avoa descendente de galegos o seu xeito de contar. Mais os documentos non proban definitivamente que a avoa Tranquilina tivese realmente devanceiros galegos, polo que esta afirmación de García Márquez temos que a admitir, polo de agora, como unha verdade poética.

Dun xeito que lembra o labor dun detective, Reigosa trata de atopar por arquivos, consultas a biógrafos e un cento máis de testemuñas datos documentais que proben que os devanceiros da avoa Tranquilina ou polo menos algún deles era galego. Estas pescudas rematan no fracaso.

Mais ao longo desta investigación atopámonos cunha moi boa análise do realismo máxico, a presenza deste na literatura galega (tanto popular como culta) ou mesmo das relacións con Galicia que mantivo García Márquez ou das súas viaxes pola nosa terra.

Dentro do eido estritamente literario hai que salientar a explicación dada ao xeito de obter a verosimilitude para o realismo máxico. García Márquez, como ben sinala Reigosa citando palabras do propio colombiano, deu co procedemento lendo A metamorfose de Kafka, mais tamén escoitando a forma de relatar da súa avoa galega: Foi Kafka que, en alemán, contaba as cousas do mesmo xeito que a miña avoa. Precisamente, a miña avoa. Contábame as cousas máis atroces sen conmoverse, como se fose unha cousa que abase de ver. Descubrín que ese xeito imperturbable e esa riquez de imaxes era o que máis contribuía á verosimilitude das súas historias (páx. 18).

A verdade poética da avoa galega de García Márquez non só vén probada por esa maneira especial de contar e de se enfrontar cos feitos marabillosos para darlles verosimilitude. Durante as suas visitas a Galicia, tan ben descritas no libro, García Márquez descobre que, como un galego máis emigrado, tiña saudade de Galicia, pois o pan galego ou o lacón cocido sábenlle igual ca os que preparaba a súa avoa Tranquilina e repite unha fermosísima frase de Che Guevara: A saudade empeza pola comida (páx. 36). Deben lerse así mesmo as interpretacións de García Márquez sobre a chuvia ou as paisaxes de Santiago de Compostela e as rías de Arousa e Vigo.

En fin, texto doado de ler, en que a erudición literaria, que a hai, toma a forma amena do xornalismo e que nos sitúa ademais a literatura galega, tanto a narración popular oral como por exemplo a culta de Cunqueiro, no concerto da literatura universal, a carón do propio boom do realismo máxico latinoamericano ou de Kakfa. Por outra banda, este tratamento da erudición e mais da investigación literaria coa linguaxe e técnicas propias da reportaxe ou do xornalismo de investigación paréceme o gran valor deste libro, que resulta dunha lectura doadísima e moi entretida, mesmo para quen non sexa especialista en literatura. Documentalmente, xa que logo, non podemos probar que a avoa Tranquilina tivese devanceiros galegos, mais, desde a perspectiva da verdade poética, Reigosa próbao dabondo nesta obriña.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!