Menu Xerais

Todo un agasallo: «Ámote Leo A. Destino Xalundes», de Rosa Aneiros. Crítica de Pilar Ponte

Pilar Ponte publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, o primeiro volume da triloxía Ámote Leo A.

 

Leo non é Barbie

Xalundes agarda por nós

Prefiro espirme dende un comezo e confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi m,por iso para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes, e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.

E comezas a ler e convérteste en Leo, nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos, e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e, sobre todo, aprenderás de ti.

Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós que no seumoment non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun Kent.

Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas desexarás ter rematado este curso a carreira. Algúns xa estamos preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular Destino xalundes con Leo A.

Pilar Ponte


Comentarios pechados