Menu Xerais

Anibal Otero, un fonetista, dialectólogo e lexicógrafo galego que foi secuestrado en Portugal e sufriu a persecución do franquismo

O xornal Galicia Hoxe publica unha información sobre o libro Anibal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero.

Unha vida tronzada

Xesús Alonso Montero reivindica a figura do lexicógrafo Aníbal Otero, autor da parte galega do “Atlas Lingüístico de la Península Ibérica”

O Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), dirixido antes da guerra civil polo fonetista Tomás Navarro, reflicte que “os patróns de distribución xeográfica de moitas palabras tradicionais revelan que no reino de Castela se falaron variedades diversas”, polo que a orixe da lingua española é “plural”, e non pode identificarse só co castelán. Así o explicaba hai uns días Inés Fernández Ordóñez, a nova membro da Real Academia Española.

Aquel Atlas Lingüístico é unha obra fundamental na historia da filoloxía. E un dos seus autores foi o fonetista, dialectólogo e lexicógrafo Aníbal Otero, que o escritor e investigador Xesús Alonso Montero reivindica no ensaio Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, que Xerais acaba de tirar do prelo.

Otero (1911-1974) investigou, entre 1934 e 1935, 53 puntos do mapa lingüístico de Galicia, converténdonse, con só 25 anos, no “lingüista máis versado no galego vivo”, segundo o ensaio.

Pero ademais foi un represaliado do franquismo. No 1936 foi detido pola policía portuguesa por “escribir nuns curiosos cadernos textos nunha linguaxe críptica, circunstancia pola que pensaron que se trataba dun “comunista”, dun “espía” ó servizo do Goberno do Frente Popular”, segundo comenta Xesús Alonso Montero no libro.

“Aníbal Otero foi secuestrado pola Policía portuguesa, secuestro que transfería á Policía ilegal de Tui nun exercicio de extradición atípico: o protagonizado por un país legal que pacta, implicitamente, cun grupo de militares que acaban de alzarse en armas contra o Goberno legal de España, co que Portugal tiña relacións diplomáticas normais”, explica o autor.

Así, estivo preso durante cinco anos, até 1941. Despois, colaborou co profesor Cintra facendo enquisas en Portugal, e publicou importantes traballos lexicográficos, cada vez máis desanimado.

“Cando a fins de 1935 Otero xa “fotografara” Galicia enteira na fonética, no léxico, nos recursos gramaticais e nas fronteiras dialectais, o xove investigador estase a converter nun lingüista moderno, e coa modernidade que confiren a eses estudos lingüísticos os criterios, os métodos e a formación da escola de Menéndez Pidal. O machadazo da Guerra tronza a vida dun gran profesional para a causa da Lingüística galega nun intre no que a Universidade de Santiago aínda non tiña -non fora capaz de ter- os estudos de Filoloxía Románica”, comenta o autor no seu ensaio.

Deste xeito, “Aníbal Otero, de non producirse a Guerra Civil, estaba chamado, sen dúbida, a ser o lingüista que, no clima afervoado da República, realizase e estimulase importantes estudos no eido, pouco explorado, da Lingüística sincrónica”, engade.

Otero investigou 53 puntos das catro provincias galegas nun ano, coa axuda de Aurelio M. Espinosa en sete localidades. E fixo observacións, por exemplo, sobre a gheada, considerada polos propios falantes -salienta Alonso Montero-, trazo vulgar. Así, sobre Rairiz de Veiga escribiu Otero: “El dialecto local es de uso general en todas las clases sociales, con excepción de las geadas, que son corrientes sólo en las clases campesinas”.

Alonso Montero desentraña tamén no libro os detalles da causa contra Aníbal Otero, baseándose nas 207 páxinas da mesma -parte das cales reproduce no texto-, do Expediente do arquivo Baluarte, Ferrol. O autor tamén utiliza como fontes cartas dos filólogos españois Menéndez Pidal e Navarro Tomás e do seu compañeiro portugués José Leite de Vasconcelos.

A CERNA

Aníbal Otero foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega no 1964. Pero, magoado pola experiencia do 36 e da enfermidade dun fillo seu, atrasa varias veces a entrega do discurso de ingreso. A Guerra Civil tronzara a súa vida e a súa carreira profesional, como o fará con outros colaboradores do ALPI, e coa historia do propio ALPI. Tomás Navarro tivo que marchar do país.

Comentarios pechados