Menu Xerais

«Anthology of Galician Literature» de Jonathan Dunne por Xulio Valcárcel

ESCRITORES ALEMÁNS E GALEGOS

Sábese da verdadeira dimensión dunha obra cando viaxa e se somete a criterios externos e imparciais, alleos a influencias afectivas e a oportunismos coxunturais.

Proxectada en doble dimensión: unha particular, dentro das propias lindes; outra universal, trasladada a outras linguas. A literatura galega padeceu sometemento e incomprensión, de aí ese complexo de inferioridade que ás veces a atenaza, minoritaria e minorizada, descoñecida e pouco valorada. Porén, esa concepción paternalista ou indulxente, é equivocada: en verdade o que importan son os textos, independentemente do idioma no que estean escritos. Hoxe non temos dúbida dos valores que moitos dos nosos autores representan, e non deixa de ser sorprendente que ese descubrimento e esa estima viñesen, en non poucas ocasións de fóra, por parte de estudosos que os ponderaron e acolleron, cando na propia terra eran ignorados.

Aí está o caso senlleiro de Emilio Coco, en Italia; de Helena Zernova en Rusia; ou de Jonathan Dunnne que remata de publicar Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais, Editorial Galaxia), unha selección que vai de 1196 a 1981, isto é, desde as orixes na Idade Media, coa célebre cantiga de Mendiño, que abre o libro, até o advenimento da actual Autonomía, pechando o volume Méndez Ferrín, como “o máis famoso escritor galego da súa xeración na actualidade”.

O traballo de Dunne, que traduciu tamén a Manuel Rivas ao inglés e ven prestando atención continuada á nosa literatura, pretende divulgar a creación literaria en lingua galega por universidades, lectorados, centros de estudos e feiras internacionais, nunha dimensión académica que tampouco exclúe a comercial.

A achega de Jonathan Dunne non é aillada. O pasado día 1, en Kiel, Alemania, no curso dun congreso sobre Torrente Ballester e outros escritores (Álvaro Cunqueiro, Domingo Villar, Manuel Rivas, Inma López Silva…) nacidos en Galicia, o Centro de Estudos Galegos daquela Universidade, capitaneado polo profesor Javier Gómez Montero, presentou dous novos libros: unha antoloxía de poesía galega en edición bilingüe, “Ein Rosenfeuer, das uns verstort: 4 ditcher aus galicien/ 4 poetas galegos” (Miguel A. Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Rivas e este cronista que o conta), e unha selección de textos sobre temas xacobeos “Alá no Noroeste… Unha cartografia literaria do Camiño en León”, no que se recolle un espazo imaxinario e simbólico, con relatos píos e menos píos, farsas chocalleiras e milagres de varia pelaxe.

Citamos a Gómez Montero como impulsor destas publicacións pero non podemos esquecer o outro artífice, o profesor Luciano Rodríguez, co mesmo grao de autoría e responsabilidade. Tanto Gómez Montero como Luciano Rodríguez alentaron en todo momento a publicación dos volumes; o primeiro leva por título un verso de Avilés de Taramancos referido a Rosalía de Castro, “Un incendio de rosas que nos perturba”, e foi realizado polo Taller de Tradución Literaria da Universidade de Kiel, baixo a dirección de Victor Andrés Ferretti, Frank Nagel e Petra Strien-Bourmer. No que respecta a “Alá no noroeste…” é unha escolma de textos poéticos e narrativos, relatos de viaxe que mesturan a ficción e a vivencia persoal, publicado o ano pasado en español e que agora sae en galego e alemán sob a batuta de Luciano Rodríguez. Non quixeramos pechar estas liñas sen referirmos outro proxecto en marcha e pronto a saír, unha selección de textos literarios, documentais e históricos que pretende achegar a nosa realidade ao mundo anglosaxón. Encárgase da tarefa o profesor Antonio Raúl de Toro.

Texto de Xulio Valcárcel publicado na páxina literaria de El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol o domingo 11 de xullo de 2010. O texto en pdf pode lerse aquí.

Comentarios pechados