Menu Xerais

Antón Cortizas: «Xogar non é perder o tempo, senón aprender a estar no mundo». Información sobre «Tastarabás. A enciclopedia de brinquedos tradicionais»

El Correo Gallego reproduce a información dunha entrevista a Antón Cortizas en Radio Obradorio sobre Tastarabás.

 

 

“Xogar non é perder o tempo, senón aprender a estar no mundo”

O libro ‘Tastarabás. A Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza’ recompila máis de 1.000 xoguetes tradicionais galegos // O seu autor explicou en Radio Obradoiro que a obra é “froito dun traballo de dez anos”

O programa Caixón de sastre de Radio Obradoiro falou este venres con Antón Cortizas do seu libro ‘Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza’. A obra, editada por Xerais, recompila máis de 1.000 xoguetes tradicionais galegos a través de máis de 2.500 fotografías acompañadas por unha  descrición detallada, a explicación para a súa construción ou as súas variantes dependendo da zona xeográfica.

O libro, explica Cortizas, é “froito dun traballo de dez anos”,  e “recolle as informacións de centos de persoas que me contaron os enredos que construían cando eran cativos”. A obra recompila nun só volume a meirande parte dos xoguetes tradicionais que formaron e forman parte da nosa cultura, clasificados en brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado, brinquedos de enxeño e habilidade, bonecas, xoguetes de desprazamento e transporte, brinquedos sonoros e xoguetes ou elementos para xogos regrados “como a estornela ou a billarda”. Tamén hai un apartado adicado ao ‘arsenal infantil’. “Denominei así un capítulo no que se recollen enredos que son representacións de pistolas, espadas…Os xoguetes consisten moitas veces en imitar o mundo dos adultos  e estes elementos tamén forman parte del”.

Cortizas, que compaxina a escritura coa súa profesión de mestre, explicou que “xogar non é perder o tempo, senón aprender a estar no mundo no que vivimos”. Segundo dixo, “hai xoguetes que se conservan mellor en determinadas zonas de Galicia. Por exemplo, a chave é un xogo de adultos que está moi vivo na zona de Santiago, Ferrol e A Coruña”.

Comentarios pechados