Menu Xerais

Antonio Reigosa: «Os rapaces non coñecen a mitoloxía propia e si a allea, practicamente idéntica»

O xornal La Opinión publicou unha entrevista de Enrique Carballo ao escritor Antonio Reigosa sobre o libro Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, ilustrado por Noemí López. (Foto de Adrián Ferreiro)

 

 

«Os rapaces non coñecen a mitoloxía propia e si a allea, practicamente idéntica»

«O mito busca referentes comprensibles no tempo actual; as lendas urbanas de ladróns de órganos cambian aos xudeus polos asiáticos, os inmigrantes aos que mellor lles vai»

Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) leva anos investigando a mitoloxía galega, e unha década coordinando a web Galicia Encantada, que este ano se converteu en libro. Mañá ás 18.00 horas preside un coloquio sobre este tema na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán.

Participou no Dicionario de seres míticos galegos, publicado en 1999. Como evolucionou a memoria popular desde aquela?

-É probable que agora sexa máis complicado facer traballos de campo relacionados coa mitoloxía popular por falta de fontes orais. Pero non houbo un cambio radical, unha cultura nova que sustitúa á cultura popular.

As xeracións máis novas, coñecen se cadra mellor a mitoloxía nórdica ou a fantasía novelada que a tradición popular…

-As fontes de transmisión cultural cambiaron radicalmente nos últimos 50 anos, e nos últimos 25, moito máis. Está internet, o cine, as series, os xogos? Os rapaces están en conexión con multiculturas. A base da cultura é a mesma en toda Europa. Aquí non se transmitiu desde a universidade, a televisión e radio públicas galegas. A triste conclusión é que, sendo practicamente idénticas, resulta descoñecida a mitoloxía propia e coñecida a allea.

Son entón os mitos galegos próximos aos nórdicos, os célticos, os anglosaxóns…?

-E franceses, italianos, mediterráneos, beira-atlánticos, etcétera. Toda Europa bebe das antigas culturas do Mediterráneo, das clásicas grega e romana, dos pobos indoeuropeos que constantemente estaban en movemento, e os condicionantes xeográficos. Na ribeira atlántica está o Finisterre, a fin do mundo.

Cal é a característica diferenciadora de Galicia?

-A xeográfica é basica. Pensar que estabamos na fin do mundo, no final da vida? O camiño de Santiago non deixa de ser iso, o camino ao máis alá. Esa posición é unha singularidad que probablemente explique por que aquí ten tanto arraigo a mitoloxía ao redor da morte. Outra é a forma de ocupación do territorio. O territorio tiña unha ocupación humana, cousa que non se daba en Castela, onde se concentra a xente en núcleos grandes pero hai unha cantidade de territorio grande sen ocupación permanente humana. Por un lado está o pensamento racional, pragmático, o resolver a supervivencia e economía, e por outro o trascendente. Fomos capaces de convertir o noso territorio nun de fantasía, porque tiña que dar satisfacción á necesidade vital de saber en que contexto cosmolóxico nos encontramos.

A nosa tradición narrativa oral galega é pesimista?

-Non. Que va. Aparentemente, darlle tanta importancia ao tema da morte parece pesimista. Ao contrario. É incluir a morte dentro da vida. De feito, a cantidade de narracións que hai relacionadas coas ánimas e o outro mundo que teñen un ton humorístico é inmensa.

Cando a Guerra Civil, a xente cruzaba os mouros cos rifeños e dicía que as tropas de Franco agochaban ouro nas covas. Agora xa morreron esas lendas vivas que se actualizaban?

-Non. A a memoria, sobre todo por vía oral, é inconstante, irregular. De aí ven confundir os mouros cos romanos, franceses, carlistas, os mouros que viñan con Franco desde África. Isto é normal, forma parte do descurso histórico dos pobos. Non deu tempo a facer outra síntese histórica, pero é probable que esa comparación a sustituan? Eu non sei que tipo de inmigración pode asumir este papel. Nas lendas urbanas de ladróns de órganos ves que antes se acusaba aos xudeus, agora aos asiáticos porque vemos que son aos que mellor lles vai economicamente. Necesitamos buscar referentes que sexan comprensibles no tempo actual.

Cambian os mitos entre a Galicia mariñeira e interior?

-As activides e experiencias son diferentes. Na Galicia interior é raro que apareza o mar como lugar de sucesos lendarios, pero aparece a auga, as fontes, pozas, lagoas? Como lugares onde suceden cousas extraordinarias. O mar é o territorio ou camiño de máis alá.

O risco do mariñeiro faille recorrer máis á superstición?

-Non. O mariñeiro expón a súa vida, pero para o labrego ou gandeiro tradicional expoñer a vida non é afogar, é non ter para comer.

Enrique Carballo

Comentarios pechados