Menu Xerais

Antonio Tizón: «Esta novela é politicamente incorrecta, ten moito sexo»

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Rodri García co escritor Antonio Tizón sobre a súa novela A antesala luminosa. (Foto de Marcos Míguez)

 

«Esta novela é politicamente incorrecta, ten moito sexo»

Tizón etiqueta a obra de «mulata», xa que usa a trama negra «como envoltorio para falar do amor, da vida, da morte…»

A noite de San Xoán deixa dous cadáveres calcinados na praia do Matadero. Así arranca A antesala luminosa (Edicións Xerais), a novela que Antonio Tizón presenta esta tarde, ás 20.00 horas, en Portas Ártabras. Estará acompañado do editor Manuel Bragado, do psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle e de Cándido Barral. «A novela discorre durante a Transición e por iso intervirá Cándido», explica o autor. Tizón etiqueta como mulata esta novela, xa que emprega a trama negra «como envoltorio para falar do que me interesa do amor, da vida, da morte, da corrupción política». Este periodista e escritor asegura que A antesala luminosa «é a loucura como escura disolución da memoria na morte», unha idea que debe a Ángel Fernández Santos, un crítico de cinema xa falecido que definía así a loucura. Tamén deixa claro que este non é un libro de autoaxuda para bipolares.

-¿Por que o interese pola loucura?

-Interésame porque eu son bipolar. Esta novela está pensada como a primeira dunha serie protagonizada polo inspector Sánchez. Na novela máis protagonista que o inspector quizá sexa Gustavo Gallego, que é un bipolar. O psiquiatra Díaz del Valle leu a novela e pareceulle que está ben contada tanto a depresión como a euforia. Vese ao protagonista en estado maníaco e o tema da prostitución, que se repite moito, non so como denuncia da trata de mulleres, tamén como intento de satisfacer necesidades enfermizas, desmesuradas, de persoas con trastorno bipolar. Esta é unha novela politicamente incorrecta, moito máis que as de Domingo Villar que están moi ben, pero é moi light.

-¿Por que é incorrecta?

-Ten moito sexo, moito prostíbulo… Tratado así a algúns lectores pódelles parecer ata que é unha novela pornográfica. Desde logo, teño claro que nos institutos non a van recomendar como libro de lectura. Xa me dixo o editor que por iso era politicamente incorrecta.

-Na novela negra nunca falta a gastronomía…

-Nesta hai un recorrido gastronómico por restaurantes da Coruña, Santiago, Ourense e ata Madrid. É unha homenaxe aos autores de novela negra como o Carballo de Vázquez Montalbán ou o Montalbano de Andrea Camilleri.

-¿É lector de novela negra?

-Si, de autores americanos, nórdicos, europeos e tamén galegos, aínda que non teñen influencia en min porque esta novela está escrita no 2004 e non saíran aínda Diego Ameixeiras, Diego Villar…. Estaba Reigosa e Miguelaxo Fernández tamén tiña algo.

-¿Por que tardou tanto tempo en publicala?

-Empecei a escribila en castelán e tirei moito que tiña escrito. Agora lese moi fácil, hai unha voz en primeira persoa, que é o inspector, e outra en terceira. Pero nun principio era unha lectura moito máis complicada.

Rodri García

 

Comentarios pechados