Menu Xerais

Antonio Tizón: «Utilizo a novela negra como coartada para tratar os temas que realmente me interesan, como a loucura»

La Opinión de A Coruña publicou unha entrevista de José Manuel Gutiérrez co escritor Antonio Tizón sobre a súa novela A antesala luminosa.

 

 

Antonio Tizón Autor de ‘A antesala luminosa’, novela ambientada na Coruña

«A novela negra é tamén unha forma de retratar unha sociedade corrupta»

«Eu son bipolar, pero isto non é un manual de autoaxuda para bipolares escrito por un bipolar. Isto é unha novela que ten moito de autobiografía pero tamén de imaxinación»

O local Portas Ártabras, de Amigos dos Museos de Galicia, acollerá o vindeiro mércores ás 20.00 horas a presentación de A antesala luminosa, a primeira novela do coruñés Antonio Tizón, que parte da aparición de dous cadáveres queimados na praia do Matadoiro na madrugada do día de San Xoán. Ademais do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, e do xornalista Cándido Barral, no acto intervirán a filóloga Rosalía Cotelo e o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle. Este último abordará o notable papel da enfermidade mental na novela, cuxo título fai referencia precisamente a ela, e na que a mestura dunha narración de estilo negro cunha que está apartada deste xénero fai que o seu autor a considere en realidade como “mulata”.

-Xa tiña experiencia como escritor, pero que lle levou a escribir una novela?

-Sempre quixen escribir novelas, pero necesitaba tempo porque precisan máis elaboración e nunca tiven demasiado tempo. A pregunta máis oportuna quizais sería porque a escribín en galego, xa que antes o facía en castelán. A culpa de todo tena Víctor Freixanes cando fixen o doutorado en Santiago no ano 2000, xa que me topei con el e me dixo que era una vergonza que una persoa coma min, que fala en galego, escribira en castelán, polo que me decidín a facelo.

-Por que elixiu o xénero negro para a súa estrea?

-Son un lector empedernido de novela negra e parecíame una maneira entretida de falar doutras cousas, xa que utilizo a novela negra como coartada para tratar os temas que realmente me interesan, como a loucura, polo que eu digo que máis ca unha novela negra en realidade é mulata. De feito, a novela está formulada en realidade como dúas, unha que é pura novela negra cun narrador en primeira persoa e outra que ten un estilo totalmente distinto. A novela negra pareceume o envoltorio para facer máis atraente a historia, aínda que tal e como está a sociedade, a novela negra non só me parece unha evasión, senón tamén unha forma de retratar unha sociedade corrupta e caracterizada pola impunidade, polo que creo que unha forma moi adecuada de retratar esta época.

-Na novela aparecen algúns escenarios e personaxes bastante sórdidos.

-Hai algúns temas típicos da novela negra, entre eles a prostitución, que non só está enfocada como denuncia da trata de mulleres, senón tamén como intento de satisfacer necesidades sexuais desmesuradas das persoas con trastorno bipolar, que cando están en periodo maníaco teñen unha vida sexual desenfreada que non hai maneira de parar. Ao psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle, que vai facer a presentación da novela, pareceulle moi acertado o tratamento que se fai do trastorno bipolar, xa que aparecen retratadas tanto a euforia como a depresión que o caracterizan.

-Cal é o seu interese por esta cuestión?

-Eu son bipolar, pero isto non é un manual de autoaxuda para bipolares escrito por un bipolar, isto é unha novela. A novela ten moito de autobiografía pero tamén moito de imaxinación, polo que moito do que se conta aquí é realidade. O protagonista non admite a súa enfermidade e non se trata como é debido, cando é unha enfermidade crónica na que hai que tomar un tratamento para regular o estado de ánimo porque calquera cousa te pode afectar e non se poden facer excesos. O problema é a euforia que dá esta enfermidade porque te sentes un superhome e queres seguir continuamente nese estado.

-No libro avanza que ten intención de continuar as historias do inspector Xosé Sánchez Pereiro.

-Se a editorial ve que é viable, eu xa teño escrita a segunda parte e xa teño pensadas a terceira e a cuarta, protagonizadas polo inspector, pero tamén por outros personaxes que aparecen nesta primeira novelas, sobre todo os bipolares, porque a enfermidade mental é un tema que sempre me vai interesar.

-Fai continúas referencias a lugares concretos e a personaxes reais da Coruña, cando podía recorrer a unha cidade imaxinaria e a personaxes ficticios.

-Eu só falo do que que coñezo. Non me gusta falar de cidades estrañas e non me gusta viaxar a lugares onde non podo falar coa xente. Falo da Coruña, Ourense e Madrid, que son as cidades que coñezo ben e que están aquí retratadas.

-Cre que este tratamento lle dá un maior realismo á novela?

-Si, porque un ten que falar do que sabe e experimenta, aínda que outros escritores se documentan para falar do que non coñecen, pero eu creo que un debe falar do que coñece. Por iso a novela é bastante autobiográfica e sincera, porque como a teño asumida a enfermidade mental non me importa falar dela, aínda que moita xente é reacia a facelo.

-Aínda se marxina ás persoas que a padecen?

-Claro, hai un estigma social que é evidente, pero eu xa o teño superado.

-É positiva a escritura para a súa enfermidade?

-Por suposto, porque ademais de que me gusta escribir, sérveme como terapia.

-Foi complicado o traballo de escribir case dúas novelas á vez?

-Foi complicado o que tiña feito antes, porque a historia do home que vai buscar ao seu irmán a Madrid cando sofre unha crise psicótica ían ser os capítulos impares da novela, que se irían mesturando cos pares de maneira que se poderían ler uns independentes dos outros ou todos seguidos. Pero Freixanes díxome que para un editor isto era moi complicado e tiven que tirar moitos capítulos ao lixo. Agora é moi fácil de ler porque se trata do inspector que investiga o caso e atopa unha novela que vai lendo mentres busca ao asasino.

-Falando do carácter autobiográfico da novela, algunhas veces axusta contas con determinados personaxes.

-Si, como o profesor da facultade de Xornalismo Gustavo Fernández-Santos, cuxo nome é unha homenaxe ao crítico de cine Ángel Fernández-Santos e que en realidade se refire a un catedrático que me deu clase e que era moi brillante, pero que na novela non aparece tratado ben, como case todos os da historia. Hai que estar nas claves para darse conta, pero non é nada complicado saber a quen se refiren os personaxes da novela, ata o punto de que é difícil distinguir o que é real do que é ficticio, xa que se aborda o golpe de Estado do 23-F e moitos acontecementos da transición, que agora se critica moito pero que puido saír moito peor.

José Manuel Gutiérrez

Deixa un comentario!