Menu Xerais

Anxo Angueira: «A creación literaria en galego está máis viva e é máis brillante ca nunca». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con  Anxo Angueira.

 

 

Parlamento das Letras

Anxo Angueira

Ese profundar na necesaria parcialidade do que nos é revelado, no insuficiente e inconexo Baixa a chalana deslizando polos herbais preto de Imo. O pequeno dos de Dodro, o que se criara en tempos cas dos de Asados, vai subido nela soñando valos comunais e lemes con estrelas encarnadas, púrpuras case escarlatas nas diagonais dun azul infindo no que tece bágoas de facer illas.

Agora anda polas encostas da Oliveira, predicando a palabra, mais non esquece a Matanza, nin Iria baixo o Meda, o dicir entre sorrisos beatíficos do mestre Graña.

Seica anda ennobelado en xerais rosalianas, pescudando razóns fóra do sagrado, neotrobeiro que ten saudades das valgadas de Ramirás, do claustro coelerno e das vertixes da memoria.

Monsieur F. ensinoulle os segredos do labirinto antigo, da espiral no espello e da magnolia de pólvora ardida, tamén os arcanos da trabe de ouro e a forza da fraternidade reticular.

Velaí o vai. A palabra abrolla do labio grave, tronante, para dicir apenas Agordonia e Degareu e Foxovedro e Gorille e raíz, abismalmente raíz.

Contra as Torres do Oeste baixa un home. Verba da pedra ribeirega para escoitar… e ler.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Publiquei algún artigo en El Correo Gallego con quince ou dezaseis anos. Eran reportaxes ou entrevistas locais de Padrón e pedíamas o correspondente local, en castelán case todas. Eramos moi amigos: algunhas escribíaas el e asinaba co meu nome. Neses mesmos anos concursaba no Instituto de Padrón con contos e poemas, pero non había revista para os publicar. Como tampouco se publicou un traballo sobre medicina popular co que gañei o I Premio Taboada Chivite. Si, era o ano 77 ou 78. O meu primeiro libro publicouse moito despois, en 1989, ó ser accésit do premio Esquío: Val de Ramirás.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Creo que todas foron tratadas en xeral como se merecían. Claro, a acollida que recibiron O valo de Manselle ou Pensa nao foi moi xenerosa, para min extraordinaria. Igual cá que está recibindo Iria, novela que sei difícil e arriscada. En xeral os escritores necesitamos o recoñecemento do público e da crítica, claro. Pero creo que no fondo tamén sabemos xulgarnos a nós mesmos. Independentemente dos xuízos dos demais, hai traballos cos que un se sente máis ou menos satisfeito. E esa vara de medir tamén importa.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Non, creo que non. Para min cada libro é unha historia diferente, arredor da cal se xeran hábitos e praxes distintas. Mesmo espazos distintos. Hai libros asociados a cuartos e horas, a uns lapis e cadernos ou computadores concretos. Despois tamén hai libros que se escriben durante dez anos, porque os pensas, porque te documentas, porque investigas… Iso si, a escrita sempre é moito máis breve e máis intensa que todo ese labor previo.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Non teño preferencias desa índole. Ademais, non estou en ningunha antoloxía, que eu saiba. O primeiro que se me ocorre é querer estar á beira dos meus amigos e das miñas amigas que escriben, máis vellos e máis novas. Se o penso algo máis, gustaríame estar á beira de Darío Xoán Cabana, coma un seu irmao serodio. E tamén á beira de Eusebio Lorenzo Baleirón, desde logo.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

En xeral creo que son un autor de espazos, que son vitais e que son políticos: Ramirás, Manselle, Vigo, a Terra de Iria. Igual ando por eles perseguindo a lingua, atrás da súa oralidade, da súa polifonía… Ou tamén atrás da súa historia… Pouco máis.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Vai por épocas e por pulsións. Ultimamente con maior intensidade, claro, pero desde hai tempo estou con Rosalía de Castro. Por outro lado, nunca me separo de Méndez Ferrín nin de Manoel Antonio. Despois van e veñen Machado de Assis ou Aquilino Ribeiro ou Luandino Vieira, as traducións de Dante e Petrarca, Valle Inclán, Julio Cortázar e Otero Pedrayo, Pondal e Cunqueiro…

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Non lle falta nada. Que lle falta ó proxecto de liberación nado con Sarmiento ou Rosalía? Ós proxectos non lles falta nada e fáltalles todo. Estanse facendo xeración tras xeración e diariamente. Non creo que ninguén escriba pensando no que falta, avisando do que se carece. Esa visión caducou. A creación literaria en galego está máis viva e é máis brillante ca nunca. Só arredor do que non é estritamente creación literaria podemos atopar as lagoas e as lamas e as heteronomías que tamén hai noutras literaturas.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Teño moitos proxectos. Seguramente moitos máis dos que vou poder facer. Con todo, ningún me parece indispensable. Nin para min nin para a literatura galega. Gustaríame escribir moitas cousas: unha biografía de Rosalía de Castro, unha Historia da Literatura Galega Contemporánea, unha nova novela, un libro de poemas… O único que podería preocuparme é que, se estou traballando a fondo nun deses proxectos, non poida rematalo.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Xa dixen que vivimos un bo momento. Moitas, variadas e moi cualificadas voces traballan a madeira extraordinaria que a lingua galega contemporánea é. O problema é o da madeira, o da materia en canto lingua propia dunha nación. Aí é onde están concentrados os problemas que temos decididamente que afrontar.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Parabéns por esta iniciativa, Armando. E moi agradecido.

Armando Requeixo

Comentarios pechados