Menu Xerais

Anxo Angueira: «`En las orillas del Sar´ chegou nun contexto no que agromaba a tensión entre o campo literario galego e o castelán». Entrevista de Montse Dopico en «Praza Pública»


O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Anxo Angueira sobre o libro: En las orillas del Sar. (Imaxe de Rosalía e ‘En las orillas del Sar’ (Xerais) CC-BY-SA Praza Pública). O libro está publicado por Xerais na colección Xerais Clásicos.


Anxo Angueira: “`En las orillas del Sar´ é unha mostra da lírica revolucionaria dunha poeta moderna”

“Non; a arpa dos Cantares e Follas Novas non debe enmudecer: o seu silencio sería un crime e unha deserción”. Isto escribiu -en castelán- o periodista Manuel Barros na súa recensión de ‘Follas Novas’ no xornal La Nación Española, en 1881, en resposta ao anuncio de Rosalía de Castro de que non volvería escribir en galego. Mais, houbo realmente unha “deserción” ou unha “dimisión”, tal como se coñeceu este feito no debate historiográfico? Este é un dos temas sobre os que o profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira volve na súa edición de ‘En las orillas del Sar’, publicada recentemente por Xerais. 

“Rosalía” -reflexiona Anxo Angueira- “publicou ‘El caballero de las botas azules’ en 1867 e despois de ‘Follas Novas’ publicou ‘El primer loco’ (1881). Pero ninguén que saibamos lle reprochou nada pola lingua empregada neses dous “cuentos extraños”, o primeiro ambientado en Madrid e o segundo en Compostela e Conxo. Nin daquela, nin nunca. En cambio, ‘En las orillas del Sar’ era outra cousa. Coma se o código poético estivese especialmente prestixiado para o combate polo novo campo literario e despois de ‘Follas Novas’, como diría Barros, non coubesen o silencio e malia deserción”.

Da lectura de ‘En las orillas del Sar’ -e en especial de poemas coma ‘¡Volved!’, ‘Los robles’ ou ‘¡Jamás lo olvidaré¡-’ non se desprende, porén, “deserción” de Rosalía de Castro respecto á inquietude por Galicia. “A poeta” -explica Angueira- seguía “coa lira dos libros anteriores, co canto necesario para os desterrados, o canto da infortunada Galicia”. Mais, alén diso, e aínda que a autora de ‘Follas Novas’ cumpriu a súa palabra de non volver publicar en galego, non por iso pode deducirse que decidise mudar do galego para o castelán, xa que, en realidade -lembra Angueira- “Rosalía nunca deixou de escribir en castelán. E non só prosa, tamén poesía. Algúns dos poemas recollidos no seu derradeiro volume están escritos antes, ás veces moito antes de 1880, como se dixo, e algúns dos poemas que recentemente se foron descubrindo confirman esta hipótese”.

Non era, ademais, ese bilingüismo na escrita un comportamento extraño naquela altura. Máis ben, o excepcional era escribir en galego. O historiador Xusto Beramendi aclara, en relación con isto, no seu ensaio ‘De Provincia a nación’, que na prensa galega “o normal é que, polo menos ata 1885-1890, a presenza do galego se limite á publicación moi esporádica dalgunha poesía e só moi raramente a textos en prosa, case sempre tamén literarios. Os contidos propiamente políticos, históricos ou en xeral ensaísticos adoitan transmitirse en castelán, mesmo polos propios galeguistas. Esta norma non atopa excepcións significativas, e aínda así moi escasas, ata a fase rexionalista”.

Mais a cuestión é que é, precisamente, neste contexto cando comezan a, segundo o explica Angueira, “entrar en oposición e competencia o emerxente campo literario galego e mailo xa asentado castelán/español”. O cal afectará á recepción da obra de Rosalía de Castro. Se no século XVIII o concepto “literatura galega” abranguía a escrita en galego e en castelán por autores galegos ou de temática galega, é a partir de 1880, segundo Angueira, cando comeza a asumirse un criterio filolóxico que tardará en asentarse, ao tempo que se toma consciencia da existencia dun novo sistema literario que entraría en competencia co español.

A década de 1880 comezara -lembra Angueira- coa publicación de ‘Follas Novas’, de ‘Aires da miña terra’ de Curros Enríquez e de ‘Saudades gallegas’ de Lamas Carbajal. E é “por volta da morte de Rosalía” -en 1885- segundo Angueira cando “o campo literario galego emerxente comeza a verificarse” ao tempo que froitifican os “esforzos historicistas e dos defensores do idioma galego”, que durante o século XIX continuaran co traballo realizado por Sarmiento.

“Con Antonio de la Iglesia e o seu ‘El idioma gallego. Su antigüedad y vida’ (1886) estaban confirmadas a cita do Marqués de Santillana que apuntaba cara a antigüidade da lingua e da literatura galegas, a incidencia da paternidade do galego sobre o portugués, a contestación do tópico antigalego de “Galicia nunca fértil en poetas” de Lope de Vega e, case definitivamente, a teima lingua/dialecto”, indica Angueira, que considera ademais un “síntoma” que, por exemplo, Eduardo Pondal publicase un bilingüe ‘Rumores de los pinos’ en 1877 e o seu ‘Queixumes dos pinos’ no 1886.

E fora precisamente Rosalía de Castro quen “erguera efectivamente a bandeira” -segundo Angueira- dunha literatura “nacional” en galego, con ‘Cantares Gallegos’ e despois con ‘Follas Novas’. Mais, foi tras o escándalo montado por algúns xornais do país pola publicación do seu artigo ‘Costumbres Gallegas’ en ‘Los Lunes de El Imparcial’ -no que aludía a un suposto costume dalgunhas áreas costeiras galegas segundo o cal familias permitirían que o mariñeiro forasteiro pasase unha noite cunha muller da casa- cando prometeu -tal como lle escribiu a Murguía nunha carta privada asinada en 1881- que “ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a escribir nada en nuestro dialecto”.

‘En las orillas del Sar’ chegou despois desta polémica, nese contexto no que, ademais, como sinala Angueira, agromaba a “tensión” entre o campo literario galego e o castelán, o cal condicionou a “desafortunada” recepción desta obra, que no campo español se traduciu, segundo este autor, na súa “exclusión” do canon, contra a que Azorín reaccionou no 1912 dicindo de ‘En las orillas del Sar’ que fora un libro que pasara inxustamente “inadvertido” en España malia ser unha obra “capital” que marcaba o punto de partida da evolución “moderna” da lírica española.

Mais tampouco no campo galego foi sempre unha obra acollida con moito entusiasmo. Xesús Alonso Montero “puxo en circulación”, segundo lembra Angueira, a idea da “dimisión” de Rosalía de Castro a propósito da opción lingüística de ‘En las orillas del Sar’, que atribuíu no limiar da edición de Cátedra deste libro, no 1985, non a unha “deserción”, senón a unha suposta “pobre consciencia de la realidad y de las posibilidades de una cultura en gallego” por parte de Rosalía, hipótese que Anxo Angueira considera, desde a perspectiva de hoxe, unha “desconsideración intelectual” cara á autora que carece de vixencia.

O caso é que, na opinión de Angueira e, aínda aceptando o criterio filolóxico como o máis axeitado para definir o que é literatura galega, “desde o punto de vista historiográfico é fundamental ter en conta tamén” os textos de Rosalía de Castro en castelán -como por outra banda xa se vén facendo desde hai tempo en obras como ‘Canon y subversión, coordinada por Helena González e María do Cebreiro, que afondaba na análise da narrativa rosaliana-. Francisco Rodríguez reivindicou ademais en ‘Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria’ unha lectura realista da narrativa rosaliana contra a visión da historiografía que a considerou unha autora “estancada no romantismo serodio”. No mesmo sentido, Angueira comenta na súa edición de ‘En las orillas del Sar’ o pouco acaído de clasificar, como se fixo na historiografía literaria -sobre todo no campo hispánico- a Rosalía como “romántica tardía”.

En realidade, segundo Angueira, ‘En las orillas del Sar’ non só merece máis atención da que tantas veces recibiu pola cuestión contextual xa comentada, senón que, atendendo estritamente á súa calidade literaria, abre “unha nova fórmula poética” a respecto de ‘Cantares Gallegos’ e ‘Follas Novas’, xa ensaiada en ‘Penumbras’ e nas súas colaboracións en ‘La Nación Española’. “Rosalía agora escribe series, conxuntos longos de poemas que reorganiza, con ou sen título, e que disemina ó longo da obra cremos que coa mesma intención que xa se apuntaba en ‘Follas Novas”, indica Angueira.

Acontece, segundo este autor que, entre outros factores, a intervención editorial de Murguía (no 1909), con “algunhas alteracións do texto que modificaban gravemente o sentido global do mesmo”, foi “de grande envergadura e afectou gravemente a recepción do libro”, pois tivo máis impacto que a primeira edición, do 1884. E non foi o único, xa que na maioría das edicións da obra -subliña Angueira- suprimíronse as series orixinais establecidas por Rosalía de Castro, tratando como poemas independentes o que eran partes dun conxunto, e mesmo nalgúns casos chegouse a crear unha numeración “absolutamente allea á idea orixinal da autora”.

E a disposición dos poemas é máis relevante do que pode parecer xa que, segundo Angueira, para entender ‘En las orillas del Sar’ cómpre un “exercicio hermenéutico” que considere como unidade a serie de poemas, e non o poema individual. A “nova arquitectura poética” deste libro -sinala este autor- “na que se implica a métrica non convencional e unha nova formulación lírica do eu, ten que ver cunha nova concepción do texto poético na que o poema, con certa regularidade, pasa a ser un texto longo dividido en partes ou un elemento xunto con outros poemas que remiten a unha unidade superior complexa”.

E analizar así esta obra é o que permite comprendela, segundo Angueira, desde “a perspectiva dunha poética moderna da construción dialéctica do eu”. A voz poética do “eu autorial” aparece en só uns poucos poemas de ‘Cantares Gallegos’, pois case todo son personaxes ou diálogos, sostén Angueira. En ‘Follas Novas’ os personaxes van desaparecendo e medra a fusión do “eu e as outras” ao tempo que o “eu” autorial, que é o protagonista de ‘En las orillas del Sar’.

Arcadio López Casanova vinculou ‘En las orillas del Sar’ coa poesía moderna neste mesmo sentido pois, segundo recolle Angueira, segundo este autor “a modalización lírica e o deseño da estrutura comunicativa estarían en función de enmascarar a presenza do eu e conducilo a un territorio máis abisal e abesedo”. Así, desdobramento do eu, diálogo interior a través de apóstrofes ou enunciación encubridora a través do el/ela, entre outras características, alcanzarían a súa plenitude, vindo xa de ‘Follas Novas’, en ‘En las orillas del Sar’. Mais precisamente estes cambios de perspectiva e vaguidade de voces poéticas a partir dun mesmo suxeito esixen un lector involucrado, como apuntou a profesora Martha Lafollette, que non se perda nun texto moitas veces cualificado de desordeado.

A renovación no campo da métrica si é, por outra banda, unha característica de ‘En las orillas del Sar’ amplamente comentada pola crítica. No 1909, Díez Canedo comparaba, segundo lembra Angueira, a Rosalía de Castro con Rubén Darío, e a partir de aí a obra da poeta galega comezou a aparecer vinculada a este autor e ao modernismo en moitas historias da literatura. Mais Carvalho Calero rexeitou esta análise de Díez Canedo, concluíndo que a autora de ‘En las orillas del Sar’, na súa métrica, “máis ben proseguía os ensaios románticos que anunciaba os experimentos modernistas”, polo que sería máis unha “post-romántica” ca unha “pre-modernista” -xuízo no que coincide con Luís Cernuda, que considera a Rosalía un “caso aillado” sen antecendentes na literatura clásica española nin continuadores na contemporánea-.

Claude Henri Poullain matizou, pola súa banda, que as innovacións métricas de Rosalía son propias non só da súa obra, senón da de varios poetas “post-románticos españois”. Mais, aínda que non a considere precursora da poesía modernista pola súa “destrución da estrofa tradicional”, si a sitúa, pola súa adopción do grupo métrico irregular, como anunciadora da poesía moderna no sentido de usar “solucións poéticas semilibres, nas que o poeta non se suxeita a unha disposición precisa e sempre idéntica dos metros e das rimas”. Nese sentido, segundo este crítico, Rosalía non sería unha precursora, senón unha auténtica “revolucionaria”.

E con esta análise é coa que máis concorda Anxo Angueira, quen afirma que “non coñecemos poeta en Galicia ou en España que nesa altura do século XIX escriba deste xeito, con poemas ou series de poemas de máis de cen versos”. Tamén Javier Gómez-Montero outorga a Rosalía un papel máis de poeta moderna ca de precursora pois, segundo recolle Angueira, considera que a lírica rosaliana é unha expresión da subxectividade, situada nunha “tradición literaria moderna debedora do pensamento e da estética inaugurados co protorromanticismo e ancorada na concepción dun suxeito autónomo, soberano, pero consciente dos límites do coñecemento e da súa representación”.

En conexión con iso, escribe Angueira que “desde o noso punto de vista, pois, a permanente loita dialéctica do eu consigo mesmo, coa comunidade e co mundo non teñen mellor música nin voz que un verso sen ascendencia coñecida, caprichoso, disonante, nin mellor escenario que a longa fragmentación das series”. Un eu que implica, segundo Angueira, un suxeito político e social nacional galego que intervén no panorama non só literario da época pois, ‘En las orillas del Sar’, ademais de amosar o feminismo da autora, “corrixe a Eduardo Pondal escollendo os carballos fronte ós piñeiros coma árbore nacional galega, oponse á fe no progreso e á locomotora de Curros Enríquez como se opón á relixión positivista do “cree y espera” do republicanismo de Eduardo Chao e discútelle a Emilio Castelar, segundo cremos, unha relación entre a palabra e a idea non tan satisfactoria como o “sublime orador” pretende”.

 

Montse Dopico

Deixa un comentario!