Menu Xerais

Artigo de Alfredo Conde centrado en «O bosque é grande e profundo», de Manuel Darriba

O escritor Alfredo Conde publicou en El Correo Gallego un artigo centrado na novela O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba.

 

A Literatura segue viva

ASISTÍN á presentación dun libro na librería Couceiro. Libraría, din eles, con todo o dereito do mundo, así que non serei eu quen llo discuta. Ós idiomas fainos a xente, non as academias. Eles que digan libraría, que eu seguiréi dicindo librería, e ó remate ha quedar o que a xente diga. Mentres, ímonos divertindo e tal día fará un ano. Ou seica non?

O libro estaba editado por Xerais e alí estaba Fran Alonso, finxindo de editor, mentres falaba sen poder agachar a súa condición de escritor afeito a ler coma un crítico que non exerce, pero sabe. Tamén estaba Diego Ameixeiras, escritor, falando dun compañeiro. Fíxoo con fervor e xenerosidade inusuais neses pagos que tanto hai que eu non frecuento que o mesmo foi e cambiou a cousa e eu con estes pelos e sen me enteirar de nada. Por fin estaba o autor, Manuel Darriba, presentando a súa novela O bosque é grande e profundo, poden ir tomando nota dela porque é bo ler cousas así de vez en cando pra saber que a Literatura segue viva.

Falouse alí de simbolismo e doutras aventuras literarias das que había tempo que eu non escoitaba falar porque a xente agora non fala desas cousas, debe ser por culpa e causa daquela que se armou nos oitenta e se chamou a movida. A movida madrileña. Algo que, desafortunadamente, se propiciou en máis sitios que no Madrid do alcalde Tierno e non foi máis ca iso, unha movida político-mercantil encamiñada a lle sacar un beneficio que eu aínda non percibo no mundo da creación, si no da política no seu momento e no do mercado a partir de entón.

Daba gusto oílos falar a estes tres mosqueteiros que non chegaron a desenvainar espada algunha. Sen embargo sí aludiron, fixoo Darriba, á intencionalidade política que, por haches ou por bes, acompaña sempre a un texto literario. Recordoo agora, logo de ler o cuestionario Proust respondido por Fran Alonso a instancias de Ramón Nicolás. Había tempo que a lectura dese cuestionario non me suscitaba admiración ningunha. Releo as respostas de Alonso, recordo as intervencións dos tres no acto que rememoro, e constato que o mundo literario segue a xirar do mesmo xeito que xiraba hai case medio século cando, no distante sesenta e oito de tantos afáns rotos, saeu á luz o meu primeiro libro. Por iso non sei se volver sair da casa ou se quedar de novo nela, pechado, como hai xa tantos e tantos anos que veño facendo. Sen embargo sei que é bo que o afán dos escritores, e istes tres o son e grandes, siga en pe a pesar de tódolos pesares. Os fachos son sempre os mesmos. Alumean, case sempre; queiman, en ocasións; cegan, noutras e mesmo hai tempos nos que se ocultan coma fan os faros, destello, ocultación, destello, destello, ocultación, por iso guían e son faros, non farois. Para que iso siga a ser posible vaian lendo como O bosque é grande e profundo.

Alfredo Conde

Deixa un comentario!