Menu Xerais

Artigo de Franco Grande sobre «Anibal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo», de Xesús Alonso Montero

Xosé Luis Franco Grande publica en La Voz de Galicia un artigo en torno ao libro Anibal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero. Reproducímolo integramente:

O caso Aníbal Otero

O caso da prisión e condena do lingüista Aníbal Otero (1911-1974) é unha das páxinas máis abraiantes, miserables e mesmo arrepiantes da represión franquista. Discípulo de Navarro Tomás e de Menéndez Pidal, colaboraba no Atlas Lingüístico de la Península Ibérica cando en 1936 foi detido -ou máis ben secuestrado- pola policía portuguesa en Valença do Minho, que o entregou ás autoridades militares de Tui.

Pareceulle sospeitoso a aquelas e un delincuente a estas (consígnase no sumario que falaba pouco e tiña textos en alfabeto fonético, logo era un espía), ábrenlle un proceso xudicial e acúsano de traizón, pídenlle pena de morte e é condenado a reclusión perpetua por rebelión militar. Pasaría na cadea cinco anos.

Un recente libro do profesor Alonso Montero (Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, Edicións Xerais 2011) pon de manifesto aquela epopea e en el expón e analiza a documentación do extravagante proceso xudicial a que foi sometido. ¡Non en van temen algúns tanto ao pasado!

Non podo resumir libro tan cheo de contido e de documentación alucinante: quen o lea terá unha idea cabal do que foi aquela barbarie, da brutalidade das autoridades sublevadas e de como calquera presunción (sempre que fose en contra do reo) era preferida a probas concluíntes. Ou como a sentenza procuraba confirmar a propaganda dos sublevados e non a verdade.

Tampouco temos sido moi xustos con Aníbal Otero. Porque somos un país que prefire honrar pantasmas e pantasmadas. Pero este libro de Alonso Montero, logo de tantos anos, é un moi fermoso acto de xustiza para quen en vida tanta inxustiza padeceu, aínda que sexa certo que xustiza tardía xa non é xustiza.

Xosé Luis Franco Grande

Comentarios pechados