Menu Xerais

Artigo de Xavier Castro sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki

Xavier Castro Rodríguez publicou en Galicia Hoxe un artigo de opinión sobre o libro Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, que se pode descargar en pdf e reproducimos a continuación:

Mulleres como libélulas

De Yashmina Shawki coñeciamos as colaboracións na prensa escrita e nas ondas radiofónicas sobre asuntos de actualidade e sabiamos do seu labor como narradora grazas á novela en castelán “Kurdos, destino libertad” editada hai catro anos e que relataba a situación de mozos kurdos diante da arelada fuxida do estado totalitario e ditatorial de Saddam Hussein. Unha novela histórica nunha atmosfera de aventuras na que se nos presentan o trauma, o castigo, a dor, a persecución… como camiño na procura dos anhelos de liberdade dun pobo representados no mozo protagonista.

Agora ofrécenos esta nova entrega literaria, “Fundación Libélula” (Editorial Xerais), primeira achega en galego que se adentra no universo feminino desde a figura da avogada protagonista arredor da que se van arremuiñando outras, con vidas complexas, escuras e dramáticas. O fío condutor lévanos cara un final onde a Fundación é unha realidade-esperanza que se sintetiza no brinde do acto de inicio da devandita institución: “A Fundación Libélula, para que dea moitos empurróns a moitas libélulas e enchan o ceo de cor coas ás da esperanza e a liberdade”.

É que “os que resisten gañan sempre” malia que “nunca é doado comezar unha nova vida”, dúas afirmacións deste libro de historias encadeadas onde agroma a resistencia e a esperanza das mulleres protagonistas, vítimas tamén -aínda que non exclusivamente- doutras mulleres que mesmo feren e maltratan. Unha esperanza que nace d”O punto e final” co que comeza a novela e que remata c”O comezo”, á beira dunha morte próxima e presentida que se equilibra co baile e o futuro da Fundación. Mulleres na soidade, na crueza do labor cotián, procurado ou obrigado, que en xeral fican descritas no bosquexo, nas pinceladas básicas coas que os lectores compoñerán as imaxes duns lenzos que nos resultan ben coñecidos: maltratamento, prostitución, secuestro, trata de brancas, frustración, violencia… un feixe de trazos caracterizadores que son como a baloira que abanea as conciencias de quen se pousa nestas páxinas.

Xavier Castro Rodríguez

Comentarios pechados