Menu Xerais

Artigo sobre «Asasinato no Consello Nacional»

Fran P. Lorenzo publica na contraportada do xornal Galicia hoxe un artigo de opinión sobre Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, que reproducimos:

Creo que non leva nin unha semana nas librarías e en Xerais xa están a preparar a segunda edición de Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras. Alégrome por el, en primeiro lugar, porque desfrutei ben con Dime algo sucio, porque gosto da súa escrita, do seu desleixo cool, e porque Ameixeiras representa, ao meu ver e poida que sen el procuralo, a estirpe do narrador galego anti-malencónico, se aceptamos como epítome desa malenconía patria a Xosé Carlos Caneiro, por poñermos un exemplo preclaro. Outra característica de Caneiro, que o vincula a Manuel Rivas e que o distancia definitivamente de Ameixeiras, é a sublimación do amor romántico. Nada en contra. O amor que alimenta a prosa de Caneiro –até volvela bulímica– e a de Rivas –converténdoa, ocasionalmente, en modelo de tallas grandes– preséntase, ao revés que en Ameixeiras, tan desprovisto de carnalidade, tan metafísico que dá medo. Hai tanta pureza na expresión deses sentimentos que nin os acontecementos máis sórdidos ou infernais das súas novelas son quen de substraerse a esa forza cósmica. É unha sensación miña, máis nada. Nin bo nin malo.
Asasinato no Consello Nacional recrea unha morte violenta no seo da executiva do BNG nun tempo único no que, parafraseando a Flaubert/Yourcenar, os deuses xa non existían e o cristo non empezara aínda. Ese momento, entre La Voz de Galicia e La Voz de Galicia, no que o militante do Bloque estivo só e nun estado anímico moi similar ao que atravesa na actualidade: como vaca sin cencerro, que dicía Chus Lampreave en La flor de mi secreto.
O éxito do libro é tamén unha proba de que a ficción pode resultar ben máis lúcida e estimulante que a realidade  que trata de evocar. Un refuxio axeitado, quero dicir, para este tempo de grisura, no que todos os músculos sociais e políticos están atrofiados ou en vías de parálise.
O caso é que Asasinato no Consello Nacional –que esta aí, nos andeis das librarías, ben situado, malia a teimosía de Xerais por non remudar as súas feas e pouco estimulantes portadas violeta penitencia– terá un curioso efecto colateral que será o de botar a ler unha extensa capa de militantes do BNG, ben máis proclives a xéneros de non perder o tempo como son o ensaio histórico-político, a poesía amiga, a gran biografía ou os manuais de instrucións. Imaxino a eses inopinados consumidores de novela negra devorando as páxinas de Ameixeiras coa mesma fruición que os votantes do PP procuran as claves do seu pensamento e da súa estética nas excrecencias literarias de César Vidal ou Curri Valenzuela.
O desembarco de Ameixeiras nese universo silandeiro e un pouco atormentado da Executiva Nacional imítaseme un pouco á chegada de Harrison Ford –o inspector de policía John Book (Juan Libro/Xan Libro)–, a aquela comunidade amish da película Único testigo de Peter Weir.
Os pactos de silencio e a pretendida unanimidade daquela sociedade pechada eran nese filme maxistral un catalizador do relato. Se cadra o Bloque agarda tamén polo seu Xan Libro, un redentor/a sen medo, que resolva o caso do BNG fóra do papel, na vida. Mentres iso non acontece, os lectores, grazas a esta novela na que pasan cousas, van achar un refuxio óptimo, bravo, latexante, contra esa bondade universal, propia dunha secta moon de desprexuizada galleguidade/galeguidad, que preconizan os malencónicos como Caneiro.

Fran P. Lorenzo

Comentarios pechados