Menu Xerais

As cen mil matrionuscas de Agustín Fernández Paz, por Francisco Martínez Bouzas

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre a 35ª edición de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Antonio Seijas, novidade nesta conmemorativa dos 100.000 exemplares vendidos.

 

As cen mil matrionuscas de Agustín Fernández Paz

Coincidindo coa última peza -posiblemente non a derradeira- de Agustín Fernández Paz, a novela póstuma A casa do medo editada  por Rodeira (Grupo EDEBE), Edicións Xerais vén de tirar dos seus prelos a 35ª edición de Cartas de inverno, unha edición conmemorativa dos cen mil exemplares vendidos por Xerais, homenaxe a un do grandes das letras de noso. Publicada por primeira vez en 1995 e galardoada co Premio Rañolas de literatura xuvenil e infantil; ao longo destes vinte e un anos, Cartas de inverno ten sido o libro máis vendido da literatura galega moderna, se fixamos a fronteira divisoria no ano 1990. Memorias dun neno labregode Xosé Neira Vilas, tería acadado os seiscentos mil exemplares postos á venda, mais a súa primeira edición data do ano 1961.

Con esta edición especial que leva unha cuberta en flexibook no canto do habitual cartoné, Edicións Xerais homenaxea ao escritor vilalbés finado neste mesmo ano, e agasállanos a todos nós, os lectores da literatura de “fronteira”, que lle interesa por igual á xente moza e aos lectores adultos. A cuberta, porén, conserva a imaxe da casona que tanto lembra a Psicose, a película de Alfred Hitchcock.

Nun epílogo escrito en 2007 para a 20ª edición de Cartas de Inverno,  en xuño de 2016, poucos días antes do seu pasamento, Agustín Fernández Paz achégalle ao lector a intrahistoria da novela: a xestación de Cartas de inverno a partir dun fío da vida, nesta ocasión un anuncio sorprendente mais real que apareceu na sección de anuncios do xornal Faro de Vigo, no ano 1993: a venda dunha casa enmeigada; anuncio acompañado doutros de locais, casas e edificios normais e  que se reproduce na páxina 30 desta edición. A partir do anuncio da casa enmeigada que alguén semella que quixo vender, comeza a ferver a imaxinación creadora do autor que atopa na lectura de Los mitos de Cthulhu, un libro de terror de H. P. Lovecraft e do seu círculo de amigos, o segundo lévedo para darlle forma a unha historia desenvolvida en Galicia, mais tinguida polo ambiente opresivo do relatos de Lovecraft. Porén, aínda quedan outras dúas fías presentes en Cartas de inverno: os petróglifos, en de concreto, os de Mogor, que ocupan por primeira vez un lugar destacado na narrativa de A. Fernández Paz. E o xogo de bonecas rusas, as matrionuscas, que fixan as grandes liñas da estrutura compositiva da novela: as distintas voces dos narradores, reproducidas de forma epistolar -endalí  a coherencia do título- “vanse abrindo como bonecas de xeito que cada unha sae de dentro da anterior; e logo vanse pechando dun xeito graduado e simétrico.” ( páxina 157).

O resultado foi unha extraordinaria e apetitosa narración de medo e de grande tensión, cuxa sinópse reproduzo tirada da páxina web do escritor: “ O escritor Xabier Louzao volve a Galicia, tras unha longa estancia en Quebec, e encóntrase coas cartas que, durante a súa ausencia, lle foi enviando o seu amigo Adrián, un famoso pintor. Nelas, Adrián fálalle con entusiasmo da súa nova casa, un antigo e illado edificio onde agora reside, tras unha completa reforma. Pouco a pouco, o ton das cartas vai adquirindo unha progresiva inquietude, que desemboca nun terror manifesto ante os estraños acontecementos que, segundo Adrián, suceden na mansión. Xabier decide acudir en axuda do seu amigo e viaxa ata o lugar onde se encontra a casa.

Novela desenvolvida mediante a forma epistolar, a través de diversas voces narradoras que, como bonecas rusas, se van sucedendo ao longo do libro. Unha novela de terror, ben estruturada e narrada con bo pulso, na que destaca a lograda progresión do relato, que gaña intensidade e misterio a cada páxina”

Unha historia que pretende abraiar o lector co horror que axexa por onde menos se espera, cun final aberto: tamén aquí a vida segue máis alá da derradeira palabra do libro e que se concretíza na longa viaxe que Tareixa emprende para acadar o mundo real. Os protagonistas principais, Adrián e Xavier Louzao, aparecen ben deseñados; as descricións  curtas mais moi visuais da casa enmeigada e dos seus recunchos son axeitadas non só para a xente moza, senón tamén para todos os lectores. A utilización á mantenta das elipses narrativas, como fixera Hitchcock na película de Psicose e outras regalías deste libro, fan que Cartas de inverno, máis de vinte anos despois da súa escritura orixinal, sega a ser un produto literario moi sabedeiro. Como o autor confesa no epílogo, as historias con engado non caducan nunca.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados