Menu Xerais

As dificultades dun xornalista que dirixe un periódico de esquerdas: «Os xornalistas utópicos», de Manuel Veiga. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Os xornalistas utópicos, a nova novela de Manuel Veiga, que aconsella ler vivamente.

 

 

Memoria profesional, histórica e ata dunha xeración

Manuel Veiga recrea en ‘Os xornalistas utópicos’ unha novela do oficio do xornalismo. Un oficio que coñece ben, xa que foi o último director do malogrado ‘A Nosa Terra’. Crítica de Manuel Rodríguez.

Manuel Veiga pertence á xeración dos nados na década dos sesenta e que comezan a darse a coñecer nos noventa, como sinalei nunha breve historia da literatura galega destinada a difundir a nosa literatura no resto do Estado editada por Acento editorial e despois publicada tamén pola UNED na colectiva Introducción a las lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca). Incidimos nesa mesma idea nos apuntamentos de literatura publicados baixo o título pretensioso de Historia didáctica da literatura galega (xunto con Héitor Mera e editada por Morgante). Viven estes escritores (Fran Alonso, Caneiro, Cid Cabido, Xosé Miranda, Riveiro Coello…) a Transición cando son mozotes. Son a xeración da EXB e mais do BUP e os máis novos deles xa reciben no ensino medio clases de lingua e literatura galegas ao abeiro do mal chamado Decreto de bilingüismo de 1979. Nesta novela, Veiga vai dar testemuño desta xeración, mais tamén do que aconteceu coas ilusións e proxectos da época da Transición trinta ou corenta anos despois. Así mesmo levanta acta da evolución dunha profesión que non deixou de estar de actualidade desde eses días da Transición: o xornalismo.
A novela comeza co relato en primeira persoa dun xornalista que dirixe un periódico cara a 2007 e pasa revista as dificultades que para sobrevivir ten un medio de esquerdas, antipensamento único e galeguista, pois di que o xornal era un pequeno gueto no que se adoraba a Lenin, a Noam Chomsky e a Vicente Risco. Non podía resultar estraño que vendésemos tan poucos exemplares, pero estabamos orgullosos da nosa diferenza (páx. 33). Desde esta perspectiva en primeira persoa ollamos o oficio de xornalista de esquerdas e galeguista desde os días da Transición, polas voltas atrás deste narrador, ata os nosos días. Desfilan perante os nosos ollos desde o xornalista cultural-literario ata o político ou as xuntanzas nos cafés literarios onde se mesturan literatura, xornalismo, cultura e política. Acerto indubidable son estas voltas atrás que nos poñen en contacto coa nenez rural do narrador ou coa súa etapa de estudante en Madrid nos tempos da Transición.
Como acontece con novelas emblemáticas da xeración Nós, por exemplo Arredor de si, estamos perante unha novela profundamente autobiográfica e sobre todo xeracional. O narrador sinala que cumpre 17 anos o día das primeiras eleccións tras a morte de Franco (15 de xuño de 1977; páx. 61). Ese setembro trasladarase a Madrid para estudar e vivir na capital do Estado a Transición. Xa que logo, é a novela xeracional dos nados nos sesenta e que viviron como mozotes a Transición, igual que lle acontece ao narrador-protagonista. Nos tempos madrileños o narrador asiste ao cambio que supon a Transición e entra en contacto cos libros, películas ou música que o franquismo prohibía ou agochaba. Mesmo tamén comeza a irrupción da droga e o culto ao hedonismo e a progresiva perda da conciencia político-social que será a movida, que por iso foi tan gabada e protexida polo poder socialista, claudicante xa ante os poderes fácticos como o capital, a Igrexa ou o Exército.
A etapa madrileña vai supor a concienciación deste narrador como persoa de esquerdas e nacionalista galego. Como lle aconteceu a tantos persoeiros da cultura galega, como o propio Fernández del Riego, por exemplo, a estancia estudiantil en Madrid ábrelle os ollos sobre Galicia.
Este primeiro relato do xornalista-protagonista-narrador vai seguido por diferentes relatos doutros personaxes que trataron por aqueles tempos o xornalista-narrador. Esta visión multiperspectivista non só sobre o protagonista-narrador, senón sobre os feitos daqueles tempos, enriquece a figura deste narrador-protagonista e así mesmo a análise da Transición e tamén da actualidade.
Esta técnica contrapuntística mantense no que podemos considerar segunda parte da novela, o labor xa como xornalista en Galicia deste protagonista-narrador, concretamente en Vigo. As ilusións da Transición desembocan agora no Desencanto.
Xa que logo, estamos perante unha novela de protagonista rico, con elementos indubidablemente autobiográficos, mais tamén, como xa indicamos xeracionais. Podemos considerala memoria xeracional, como xa dixemos, dos intelectuais galegos nados nos sesenta e que agora andan polos cincuenta anos. Viviron con ilusión de adolescentes ou mozos a Transición, mais no novo milenio viron a confirmación de que a Transición só servía para que seguisen a mandar os mesmos. A carón disto, a novela é tamén unha reflexión sobre as vicisitudes que está a sufrir a prensa de esquerdas e nacionalista, ata rematar afogada economicamente e mesmo desaparecer neste milenio. Polas continuas alusións a escritores, movementos literarios ou lingüísticos (como o reintegracionismo, por exemplo) estamos así mesmo perante unha novela intelectual, na mellor tradición da xeración Nós. Cómpre ler o que se nos di sobre Vila-Matas, Javier Marías, a metanovela ou a poética dalgúns movementos literarios galegos.
Todas estas son razóns máis que abondas para aconsellar vivamente a lectura desta novela, ás que hai que engadir que constitúe así mesmo unha moi boa análise sociolóxica de Galicia desde os tempos da Transición ata agora, pois non en van o seu autor é un reputado sociólogo e autor dunha das obras ensaísticas que, ao meu ver, mellor explican a desafección cara ao galego e ao galeguismo da burguesía e clase media galegas, O pacto galego na construción de España.

Deixa un comentario!