Menu Xerais

As ensarilladas vidas de «Os Gotten», o novo libro de Alfonso Álvarez Cáccamo. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo.

 

Gotten & Gotten

Ensarilladas historias de familia

O poeta e narrador Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1952)) regresa á actualidade literaria coa publicación do libro de relatos Os Gotten, un feixe de historias ensarilladas a redor das vidas dos compoñentes da familia que dá nome ao libro.

As once historias que compoñen a obra van antecedidas de tres entregas xenealóxicas nas que a voz narrativa dá conta, moi polo miúdo, dos intricados lazos de parentesco que unen os protagonistas dos contos co resto da familia.

Non digo eu que non se agradeza tanto detalle na ascendencia familiar, nas correspondencias cruzadas, nos xuntoiros coa familia política e na descendencia varia, mais non sei se nun libro dun cento de páxinas dedicar vinte a facer árbores xenealóxicas é o máis proveitoso, sobre todo cando os relatos poden funcionar igual sen tal profusión parental.

Canto á ducia escasa de contos que se ofrece hai apostas moi desiguais, pois xunto a historias onde o mistérico atrapa na lectura e crea envolventes ambientacións de atmosferas inquietantes (velaí o ‘conto da néboa’ que é “O labirinto”), outros non pasan de ser anécdotas ben levadas que non conseguen sorprender o que poderían (“Temperatura corporal”, “O anano invisible”), estampas de efectismo evidente (“A melopea de Federico Gotten”) ou textos fantásticos de alento desbastado (“Patadas ás pedras”, “A noite en que Carlos Gotten desartellou Antares”). Mesmo as homenaxes metaliterarias (así o peitodelobo de “Oruatnec”) e os retratos psicosociais sobre a incomunicación nas urbes (“Tres andares”) ou as confesións de pasados tormentosos (“Carta ás fillas”) están supeditados a unha formulística demasiado ríxida, que non acaba de permitir que osixene a prosa.

Quedo coa vontade de Álvarez Cáccamo para crear unha arquitectura superior, un marco construtivo onde as historias e o ultrarreal que nelas se propón engasten nunha gradicela alimentada pola común pertenza dos protagonistas a unha mesma familia, por veces talvez inspirada no autobiográfico e, en todo caso, seres inusuais que, por xunto, compoñen unha saga non menos singular e atractiva. Que logo cada unha das pezas brille no mecano é fariña doutro saqueto, mais aí están estas páxinas para os que queiran contrastar pareceres e tirar a súa opinión.

Armando Requeixo

Comentarios pechados