Menu Xerais

La Voz de Galicia recomenda lecturas para o verán: «Axente riciños», «Poemas birollos para ler cos ollos» e «Europa Express»

O xornal La Voz de Galicia recomenda, nunha reportaxe de Ana Abelenda titulada Un verán ao sol dos mellores libros, tres libros de literatura infantil e xuvenil de Xerais entre as lecturas estivais: o álbum ilustrado Axente riciños, de El Hematocrítico; o libro de poesía infantil Poemas birollos para ler cos ollos, de Fran Alonso; e a novela Europa Express, de Andrea Maceiras.

 

Axente Riciños

El Hematocrítico. Ilustracións de Alberto Vázquez. Xerais, 2016.

Recomendado por Lobiño Feroz

Non, non coñeces esta historia, aínda que algo saibas sobre Riciños, esa rapaza tan desconsiderada cos osos. Aquí é unha axente capaz de medirse aos malos máis malos dos contos. Branca de Neve, os ananos, os sete cabritos e Hansel Gretel van correr outra sorte nesta historia.

Primeiros lectores

Poemas birollos para ler cos ollos

Fran Alonso. Xerais, 2016

Que diversión de sopa de letras que fan versos ofrece este libriño de Xerais. Seguimos con atención a Fran Alonso, autor de Contos nerviosos, esta vez polo ceo das cidades. Ovos fritos, drons que buscan o Norte, arrobas, puntos e consolas habitan o espazo infinito dunha poesía que xoga non para gañar, senón por xogar. Estes poemas teñen bo ollo cotián.

A partir de 6 anos

Europa Express

Andrea Maceiras. Xerais, 2015. Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Propoñemos un Interrail. ¿Que mellor rematado o bacharelato? A autora que acadou o Jules Verne 2015 fíxoo da man dos seus personaxes Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía cunha intriga psicolóxica con ecos de Wordsworth e Richard Frost que leva a advertir a forza das casualidades na nosa vida. Maceiras narra en primeira persoa unha viaxe contemporánea, coral, con iPhones e historia. Unha viaxe necesaria, pola beleza da palabra, á esencia do espertar da vida.

A partir de 17 anos

Comentarios pechados