Menu Xerais

As liñas mestras dun percurso vital e literario: «Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía», de Xosé Luís Axeitos. Crítica de Emilio Xosé Ínsua

Emilio Xosé Ínsua publica no seu blog unha anotación sobre Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos.

 

MANUEL ANTONIO. UNHA VIDA EN REBELDÍA, de Xosé Luís Axeitos

Poñéndolle ramo, dalgunha maneira, a unha intensa e delongada xeira de investigacións sobre a figura do poeta de Rianxo, que incluíu desde monografías a edicións críticas, pasando por artigos, conferencias e a publicación do seu epistolario e da súa prosa inédita completa, o profesor e académico Xosé Luís Axeitos acaba de editar un volume que deixa perfectamente debuxadas, con rigor, densidade e valentía expositivas, as liñas mestras do percurso vital e literario do autor de De catro a catro.
Coa nota actitudinal da rebeldía como eixo permanente, Manuel Antonio apenas dispuxo de trinta anos escasos para levar adiante todos os seus proxectos: escribir varios libros poéticos de xorne vangardista, participar no movemento das Irmandades, axitar o panorama cultural galego co seu manifesto Máis alá! (feito en colaboración co debuxante Álvaro Cebreiro, en 1922), realizar estudos e prácticas de piloto mercante, etc.
Precisamente nesta última perspectiva, o libro do profesor Axeitos achega no seu cuarto capítulo (pp.120-177) unha reconstrución das peripecias de Manuel Antonio como alumno da Escola Oficial de Náutica de Vigo, entre 1920 e 1923, e logo como tripulante sucesivo de tres buques: o pailebote “Constantino Candieira”, do que era capitán o ribeirense Augusto Lustres Rivas e co que circunnavegou ao longo de 1926 as costas da Península; o mercante holandés “Gelria”, entre novembro de 1928 e maio de 1929, co que cruzou tres veces o Atlántico en viaxes de ida e volta que lle permitiron coñecer portos como Pernambuco, Río de Janeiro, Montevideo ou Buenos Aires; e, finalmente, a partir de xuño de 1929 e ata o desembarque definitivo para ir morrer o 28 de xaneiro de 1930, vítima da tise, ao seu Rianxo natal, o pesqueiro “Arosa”, con base en Cádiz e no que chegou a facer ata oito mareas nos caladoiros norteafricanos de Saffi, Mogador, Río Mesa, Tefelnech, Kantin, cabo Ghir e Leonor.
Subliñemos que Axeitos ofrece, asemade, por vez primeira, a transcrición íntegra vertida para galego do diario de navegación en prácticas do poeta rianxeiro, nunhas páxinas que, aparentemente monótonas e tópicas, botan non obstante moita luz sobre os xeitos de navegar a vela naquel tempo e, desde logo, sobre a xénese, o espírito e o sentido final dos poemas que conforman esa alfaia da nosa literatura titulada De catro a catro (1928).

Emilio Xosé Ínsua

Comentarios pechados