Menu Xerais

«As noites de Xián», de Concha Blanco. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da Crítica unha anotación sobre As noites de Xián, de Concha Blanco, con ilustracións de Dani Padrón, editado na colección Merliño.

 

As noites de Xián, de Concha Blanco

Aparecido hai xa algúns meses no mercado non quixera rematar o ano sen facer unha referencia a un libro da autoría da autora ceense Concha Blanco, acompañado de suxestivas e espléndidas ilustracións  de Dani Padrón e que, baixo o título d´As noites de Xián, recrea as reviravoltas dun neno que, tras verse obrigado a abandonar a vila mariñeira na que naceu, non é quen de durmir debido a que sente a falta do son do mar. Ese arrolo continuo que se esvaece na súa vida provoca un baleiro que só se verá compensado cun sorprendente obxecto clave que se insire con moita naturalidade no discurso narrativo  recorrendo atinadamente á introdución do factor marabilloso representando tanto nun castelo como nunha princesa que aparecen e, maxicamente, desaparecen, co obxectivo posto en redondear unha intriga resolta con efectividade.

Gobernado pola sinxeleza e a emoción, sen nunca dar as costas á expresividade e á fluidez sempre precisa neste tipo de achegas, teño para min que este libro, pola temática da ausencia que trata, por como está ideado, constitúe todo un acerto.

Ramón Nicolás

 

Comentarios pechados