Menu Xerais

As razóns do nacionalismo: «E logo, temos razóns para ser nacionalistas?», de Henrique del Bosque Zapata. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque Zapata.

 

As razóns do nacionalismo

Nos últimos tempos e especialmente desde prensa madrileña, sen excluír mesmo o órgano que pasa por voceiro da progresía, o nacionalismo galego, vasco ou catalán está a recibir todo tipo de descualificacións. Os nacionalismos distintos do español son sinónimos de atraso, localismo, egoísmo, esencialismo, insolidariedade ou incluso etnocentrismo-racismo-marxinación do diferente. Todas estas descualificacións son habitualmente formuladas cunha linguaxe de oracións breves e tallantes, asertivas, mais sen que vaian acompañadas de ningún tipo de razoamento ou proba sobre o que se afirma. Nalgún aspecto reproducen as técnicas das linguaxes dos totalitarismos, que tan ben estudou Klemperer ao analizar a lingua de III Reich. Este libro de Henrique del Bosque razoa e desfai prexuízos sobre os nacionalismos, tanto sobre os nacionalismos denominados perféricos, como o galego, como sobre os centralistas, como é o caso do nacionalismo español.

O autor dun xeito didáctico vai analizando os conceptos de nación e os elementos necesarios para que unha comunidade sexa considerada nación. Cómpre ler o sintético, mais para min moi acertado epígrafe Galiza, nación? (páx. 18-19). Saliento así mesmo a distinción que o autor fai entre nacionalismo étnico e cívico. Desbota con razóns abondas o mito da neutralidade estatal cando trata as nacións sen Estado. Analiza moi ben cales son os elementos asimiladores que utiliza o Estado centralista para afogar as nacións sen Estado que figuran incluídas nel.

Así mesmo explica moi ben a distinción entre os chamados dereitos individuais e mais os colectivos. Dunha forma precisa caracteriza axeitadamente o nacionalismo español, especialmente a través da lingua e mais da educación. Viría ben que incidise así mesmo no papel que desempeñan os medios de comunicación de masas. Paréceme moi ben esa caracterización do nacionalismo español como nacionalismo banal. A análise da Constitución do 78 desbota así mesmo moitos tópicos e dános a razón aos que vimos dicindo, en todos os eidos, mesmo no literario e no cultural, que a Transición non foi esa marabilla que nos queren facer crer que foi.

O capítulo dedicado á lingua é de lectura obrigada. Entre as páxinas 86-108 desenvolve unha idea que adoita esquecerse con moita facilidade, especialmente nos plans de estudos. A lingua é un sistema para se comunicar, pero é moito máis. Como ben sinala Del Bosque a lingua é un dos marcadores fundamentais da identidade das persoas e tamén dos pobos. Eu coido que este capítulo debe ser comentado nas clases de 4º de ESO e mais de Bacharelato.

O libro aborda tamén o clásico tema do dereito á autodeterminación dos pobos e nacións sen Estado. E para rematar analiza, de xeito conciso mais con precisión, os procesos de creación de novos Estados como Chequia, Eslovaquia, Montenegro ou Kosovo. Tamén estuda os referendos de Quebec ou Escocia.

En fin, recomendo vivamente a lectura deste libro, especialmente nestes días en que, por mor da abdicación de Juan Carlos I, volve discutirse sobre as formas de Estado ou en que o posible referendo en Cataluña pon de actualidade temas como o da autodeterminación ou a forma de Estado. Veñen meses en que imos escoitar desde os partidos e os medios de comunicación sistémicos, entre os que inclúo Faro de Vigo e La Voz de Galicia, que non hai cousa mellor para nós que a Constitución do 78 ou a continuidade do actual sistema, mesmo con algunha reforma, de xeito que todo cambie para seguir igual. Este libro proporcionanos argumentos claros e precisos, con concisión, brevidade e cortesía, para que os republicanos federalistas e mais os nacionalistas poidamos razoar contra os panexiristas do Sistema e da arquigabada Constitución do 78.

Para rematar, só me queda comentar que o autor usa sempre para referirse á nosa comunidade o termo Galiza e non Galicia. Malia que os filólogos do ILGa considerasen máis galego Galicia e que hoxe sexa o termo oficial preferido, as NOMIG de 2003 consideran ambos os dous normativos. Mais Galiza ten ao seu favor, desde o meu punto de vista, que é o termo propio da tradición nacionalista e mais do republicanismo federal. Lembremos, agora que celebramos o seu setenta aniversario, que Castelao titulou o seu célebre ensaio Sempre en Galiza.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados