Menu Xerais

«Asasinato no Consello Nacional», a volta de Diego Ameixeiras

Rodri García faise eco nas páxinas de La Voz de Galicia da próxima aparición de Asasinato no Consello Nacional, a vindeira novela de Diego Ameixeiras, ambientada no BNG e protagonizada polo detective Alberto Cupeiro. Para Ameixeiras  «Cupeiro é moi distinto a Dopico, investiga outro tipo de intrigas, un mundo de política ficción e aquí a trama é máis real, máis pegada á actualidade». Entre as características do novo personaxe literario salienta que practica a meditación oriental e interésalle «o taoísmo e o budismo; é moi calmado, xa que se sitúa nun plano superior ao resto da xente e só lle preocupa a busca espiritual, ademais de intentar resolver o caso».

«Intentei facer unha sátira política arredor do mundo do BNG e neses meses nos que se fixeron públicas as diferenzas entre as distintas correntes pareceume un pano de fondo moi axeitado, porque ademais estivo moi ben contado nos medios de comunicación», , despois de insistir en que o Asasinato no Consello Nacional «é ficción, unha novela, non é un tratado sobre o BNG». O escritor asegura que entre os protagonistas son recoñecibles personaxes reais, pero son «composicións ficticias feitas a partir desas persoas reais, da imaxe pública que proxectan ou polo menos da que nos facemos deles pola nosa parte; que se achegue a realidade ou non é outra cousa». De todos os xeitos, «na novela tamén hai outros personaxes arquetípicos», apunta o gañador do Premio Xerais 2006 con Tres segundos de memoria. Ademais, a única trama da novela non é só a morte do dirixente nacionalista, «paralelamente haberán de resolver un enigma que está vencellado coa Guerra Civil», explica Diego Ameixeiras. Outro dos cambios sobre novelas anteriores do escritor é que a historia ten como escenario a cidade de Santiago.

Comentarios pechados