Menu Xerais

Atrapa o lector desde as primeiras liñas: «Sete Caveiras», de Elena Gallego. Crítica de Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica da novela Sete Caveiras, de Elena Gallego Abad.

 

Sete caveiras e unha maldición

  A xornalista Elena Gallego Abad, escritora coñecida sobre todo pola saga de literatura fantástica Dragal, que camiña xa polo terceiro volume, cambia de rexistro -unha paréntese no seu universo literario, pensa a autora- e fai o seu debut no subxénero detectivesco con Sete Caveiras, novela recentemente editada por Xerais. Un subxénero, xunto coa novela negra coa que mantén unha clara parentela, aínda que non unha total simetría, que está a acadar unha certa hexemonía nos gustos dos nosos creadores e editores.

   Sete Caveiras bota a andar coa aparición dun cadáver  aboiando nas augas da ría viguesa e coa xornalista Marta Vilas observando como os muxes devoraban o que a primeira vista semellaba un vulto envolto nunha enorme bolsa de plástico. Un motorista morto, coa cara comesta polos peixes e no seu peto un click de Famobil, un motorista de xoguete. Aparece outro segundo cadáver tamén nas augas da ría e con el outro boneco Famobil. E despois un terceiro e nos días seguintes outros catro completan a serie macabra, un deles debaténdose entre a vida e a morte. Marta Vilas recibe o encargo do seu xornal de remexer ata o fondo do que semella un caso de asasinatos en serie e de persoas relacionadas. En paralelo coa investigación policial, Marta Vilas esculca no caso e persegue a súa resolución guiada por eses bonecos, os clicks de Famobil, que de xeito fortuíto van parar as súas mans, pois coidaba que tiña que haber algunha relación entre os bonecos e os mortos nas augas da ría. Nesa relación intentará descubrir o móbil dos crimes.

   Os fíos da investigación están ben tecidos pola xornalista convertida en investigadora máis teimuda que a realidade, pero o crime semella perfecto e a lóxica detectivesca (orde-desorde-orde restaurada) non acada, ao menos de xeito demostrable, a última fase. Endalí ese saibo agridoce  que sen dúbida ficará no padal dos lectores ao rematar a lectura desta novela.

   En Sete Caveiras, Elena Gallego bríndalle unha homenaxe a través da intertextualidade a un dos clásicos da novela policial: á novela Dez Negriños de Agatha Christie. O lector atopa moi axiña ese paralelismo: “…aquel semellaba un caso saído das novelas de Agatha Christie… Como se chamaba aquela na que desaparecían os bonecos ao mesmo ritmo que se producían os asasinatos” (páxina 23).

   A trama da novela devólvenos aos anos oitenta, á Movida viguesa desa década, que deixou tras de si, un longo ronsel de mortos na cidade olívica. Nesa xungla sobrevirían os “sete caveiras”. Na crónica deses anos, banda sonora dunha xeración enteira, fisga a xornalista para atopar a espicha que a leve ao móbil dos crimes e ao autor dos mesmos..

   Novela ben fiada, cun ritmo axeitado ás convencións do subxénero; trepidante por veces e ben dosificado na resolución do misterio. Escritura lineal que permite unha lectura doada que, porén, atrapa o lector desde as primeiras liñas, nesa investigación dos asasinatos, no descubrimento de quen os cometeu e nos seus motivos.

Elena Gallego Abad

A investigación que de xeito tan intuitivo como perspicaz leva a cabo a xornalista, é o elemento estruturador de todo o relato, como acontece desde Allan Poe coa novela clásica de detectives, que se centra de xeito case que exclusivo na resolución do enigma. É iso o que fai a xornalista Marta Vilas, aínda que se diferenza dalgunhas máquinas de pensar como Van Dusen ou Nero Wolfe que nin sequera visitan o lugar do crime e desde a súa casa atopan a solución correcta. Mais en Sete Caveiras, malia a súa cualificación como novela negra, os elementos que lle darían forma e contido como tal (retrato crítico da sociedade, introspección  psicolóxica en relación co detective e coa autor dos crimes) fican desprazados a un segundo plano e a prioridade reside na resolución do misterio.

   Xa que logo, unha boa novela detectivesca que nos fai avanzar nas súas páxinas desexando saber quen matou os “sete caveiras” e o móbil que o empurra a facelo, cun bo retrato social do Vigo da Movida, mais na que están ausentes outros factores de tipo social e psicolóxico que enriquecerían o desenvolvemento da trama.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados