Menu Xerais

«Autoaxuda» para falar e escribir en galego: «Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez», de Carlos Callón

Praza Pública publica unha información de David Lombao sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón.

 

“Autoaxuda” para falar e escribir en galego con xeito

Como pasar de ser “galegocalante” a exercer de “galegofalante”? Hai “palabras inventadas” na lingua galega? Por que agora é “grazas” e non “gracias”? Que dis cando dis “matar o rato”? Son algunhas das preguntas que é posible responder coa lectura de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o novo libro de Carlos Callón que vén de saír do prelo de Xerais e que o seu autor presenta como un manual de distendida “autoaxuda” cun obxectivo “cívico”: empregar axeitadamente o idioma propio na vida cotiá.

Cun bo feixe de “consellos prácticos” a obra do tamén presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística aborda dúbidas que poden asaltar tanto a quen emprega o galego habitualmente como a quen dá o paso de convertelo na súa lingua habitual. Así, Callón parte da base de que “todos e todas sabemos máis galego do que pensamos” para, por exemplo, tentar desterrar erros como utilizar escoba no canto de “vasoira” ou prexuízos como o lugar común das “palabras inventadas”. Mediante exemplos doados ou mesmo a través de anécdotas, Callón explica, por exemplo, o momento no que descubriu que “avó” e “avoa” son termos que xa empregaban os pais dos seus pais ou que costilleta non existe en castelán, senón que é unha mala tradución da forma galega costeleta.

Ligado con esas verbas que non teñen nada de “invento” o autor dedica tamén parte do seu libro á “explicación” dunha normativa “que xa non é tan nova” -foi fixada pola Real Academia Galega en 2003-, de feito “é máis nova a do español”. “Só as linguas mortas nin senten nin padecen”, evidencia, para contrastar a situación do galego coa de, por exemplo, o latín, no que xa non muda nada porque é xa unha peza só destinada ao estudo, pero non ao seu uso no día a día. Neste sentido, Callón anima tamén na obra a “restaurar” as formas lingüísticas “xenuínas” do noso idioma. Faino nun apartado cun suxestivo título: Non mates o rato, que non ten culpa, mostra de que “matar o rato” en galego só significa rematar coa vida dun roedor, non agardar a que pase o tempo. Esta, di, é unha expresión equivalente a empregar from lost to the river para traducir a frase castelá “de perdidos, al río”.

O director de Xerais, Manuel Bragado, avanza que a editorial está xa a preparar a segunda edición dun libro que, di Callón, sería ideal que, nun futuro, só fose “útil para persoas de fóra”, o cal querería dicir que a poboación de Galicia que actualmente está na escola obtén unha capacitación suficiente na lingua propia do país. Tampouco lle viría mal botarlle unha lectura a boa parte dos dirixentes políticos de Galicia, cuxas incorreccións “din moito deles e delas” xa que, dada a formación da maioría, o emprego incorrecto do galego equivale a “desprezalo”. O propio presidente da Xunta, por exemplo, di, “sabe que non se di crisi” pero, aínda así, continúa empregando ese termo.

David Lombao

Comentarios pechados