Menu Xerais

Balance do ano literario galego de Ramón Nicolás no suplemento «Culturas»

Ramón Nicolás realiza no suplmento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado 19 de decembro un balance do ano literario galego. Entre as nove obras escollidas como principais, cino fron publicadas por Xerais.

Así no eido da Poesía destaca a publicacion de Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas. Nicolás salienta que neste poemario se nos obriga «a dirixir a ollada ás máis das mulleres que foron vítimas da barbarie do ano trinta e seis, moitas delas co rostro difuminado e cos seus nomes e apelidos esvaecidos polo paso do tempo, que agora recuperan a súa historia, a súa presenza.« Para concluír que « Rodríguez Fer dálle voz, así, a estas mulleres co obxectivo da súa dignificación: unha homenaxe que percorre biografías como as das mestras represaliadas, a de Juana Capdevielle ou as das mulleres do común que deron abeiro a fuxios e foron castigadas por iso. Poesía, tamén, contra a desmemoria.»

No eido da Ficción, entre as tres obras destacadas do ano, escolle Sol de Inverno de Rosa Aneiros e Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Da primeira, Premio Xerais de novela 2009, Nicolás subliña que se trata dunha «novela de personaxe mais tamén de protagonismo coral en que conxuga a emoción na que alentan a totalidade dos personaxes cun coidado escenario histórico e espacial que permite percorrer, seguindo os fíos da memoria, os socalcos da vida de Inverno desde a súa vida e mocidade ata a chegada da guerra civil, pasando pola fuxida a Barcelona e a estadía en Francia ata o seu embarque cara a Mexico no coñecido Ipanema, concluíndo nas vivencias dos días cubanos xunto coa volta á vella Europa.» Conclue Nicolás expresando que «máis de cincuenta fragmentos narrativos constrúen e anoan a historia dunha vida pola que camiñamos desde o lugar de Antes, onde agroma a sileuta dunha nena que entende a morte, tamén a traxedia, como algo co que cómpre convivir con forza. desde eses tempos delíñase unha liña vital, tortuosa e esperanzada, alimentada por esas abondosas historias de percorrido máis breve que deseñan un caoiro narartivo que bene en mil e un regueiros.»

Monte Louro, a novela de Luis Rei Núñez, gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009, é valorada por Nicolás como «unha proposta densa e compacta pola que os personaxes se moven con soltura e credibilidade, nun espazo que chanta as súas fronteiras entre Muros, Barcelona e Bos Aires. Unha novela que asenta os alicerces nese proceso polo cal a mente humana é quen, ou non, de volver atrás, conformando unha espiral pola que escoa a memoria e na cal o peso do desarrraigo e do desacougo, que provoca a separación do que se estima, antóllase como fundamental, pois, no se esqueza, esta e unha historia de desamparados, de cicatrices, de almas doentes e de resistentes robinsoniainos.» Nicolás remata o seu texto salientado que este é «un libro que nos conduce por boa parte dos ecos que resoan do século XX a través dun exercicio de plasticidade, transparencia e riqueza lingüística no que o lector, aos poucos, irá cadrando cada peza na súa cuadrícula atá chegar a constituír parte efectiva dun universo de ficción sólido e ben erixido.»

No eido da non ficción, entre as tres obras máis destacadas de 2009, Nicolás escolle dúas publicadas por Xerais, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), o libro de Xesús Alonso Montero, recoñecido o pasado sábado co premio Ánxel Casal, ao mellor libro de non ficción de 2009, e Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Nicolás subliña do libro do profesor Alonso Montero o seu carácter de «obra maior», por moitas razón, «entre elas a do carácter pioneiro que posúe no ámbito das investigacións que suscita a represión derivada da Guerra Civil, nesta ocasción adquirindo forma a través da exhumación, compilación e anotación das cartas que os presos republicanos redactaron nos últimos momentos da súa vida.» Nicolás conclúe expresando que son estas «páxinas ditadas pola emoción e tamén pola dignidade que se exhibe en situacións absolutamente extremas. Non canasaremos de recomendalo: ninguén mellor que o profesor Xesús Alonso Montero para presentárnolas e comentárnolas co seu saber interpretativo e co necesario rigor histórico e filolóxico.»

Con respecto á Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé Ramón Barreiro Fernandez, Nicolás comeza seu texto adiantando que «malia constituír un capítulo específico da nosa historia, os lectores dispoñen agora dun texto de carácter canónico sobre a Guerra da Independencia en Galicia.» Máis adiante sinala que «escrito de xeito accesible e amosando unha apreciable cantidade de documentación inédita, [no libro] ofrécese un traballo interpretativo alicerzado nunha salientable solidez metodolóxica. A proposta do presidente da Academia aposta por substituír os focos de atención que suscitaba o feito bélico nos ámbitos dos estudos históricos, centralizados adoito no asunto edióloxico e o militar, polo protagonismo que desempeñou nel a sociedade, e máis concretamento o pobo organizado en alarmas -organizacións paramilitares de intensa efectividade–, baixo o caudillato de cregos e fidalgos.» Para concluír: «O libro, recomendable para especialistas mais tamén para profanos, defende a tese de que é imprescindible coñecer o pasado dun pobo, e recorro ao criterio de autoridade do autor: ‘que non sempre foi derrotado e vencido’.»

Comentarios pechados