Menu Xerais

Bases da XXII edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, que publica Xerais

 

O Concello de Bueu convocou a XXII edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, que publica Xerais. Admiten orixinais ata o 31 de xaneiro de 2019.

Obxecto: Co ánimo de contribuír a fomentar a poesía escrita en lingua galega, o Concello de Bueu impulsa o XXII Premio de Poesía Johán Carballeira, que ten tamén por obxectivo o de homenaxear e dar a coñecer a figura do bueués Johán Carballeira.

1.- Poderán concorrer a el tódalas persoas físicas maiores de idade que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).

2.- A presentación dos traballos poderase facer mediante dúas fórmulas e seguindo o procedemento que se indica:
• EN PAPEL: De cada traballo teñen que presentarse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun título e/ou lema. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación “XXII Premio de Poesía Johán Carballeira”, no seguinte enderezo: Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti, no 8, 36930 Bueu (Pontevedra). No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase outro sobre pechado, identificado tamén con título e/ou lema, coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico, así como unha declaración xurada na que se manifeste que o seu relato é orixinal, inédito e non premiado con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. O selo que certifique a data de envío deberá de ser visible.

• EN FORMATO DIXITAL: mediante CD que incluirá na cuberta “XXII Premio de Poesía Johán Carballeira”, título da obra e un lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; nun arquivo de tratamento de texto Word, OpenOffice ou PDF. A obra presentarase baixo o sistema de plica polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: “XXII Premio de Poesía Johán Carballeira”, o título da obra e un lema ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase o título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico, así como unha declaración xurada na que se manifeste que o seu relato é orixinal, inédito e non premiado con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. O selo que certifique a data de envío deberá de ser visible.

4.- O prazo de presentación dos orixinais será desde a publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o 31 xaneiro de 2019.

5.- O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á literatura galega e máis un/ha secretario/a que será un funcionario/a do Concello, con voz pero sen voto. Os criterios de valoración son: orixinalidade no tratamento do tema, emprego dunha linguaxe e estilo ricos, e rigor e calidade da obra.

O procedemento de instrución e resolución levarase a cabo no Departamento de Cultura, nos termos que se regulan nos artigos 23 a 27 da Lei Xeral de Subvencións.

6.- O premio terá unha dotación única de 1.500 €, comprometéndose a imputación desta cantidade ao orzamento xeral do Concello de Bueu para o exercicio 2019 e a acreditación da existencia de crédito axeitado e suficiente. A dotación do premio estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión, e efectuarase mediante un ingreso directo na conta bancaria da que sexa titular a persoa beneficiaria.

7.- O premio inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. A obra publicarase con Edicións Xerais de Galicia. En todo caso, o premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.

8.- A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través do taboleiro de anuncios da Sede Electrónica e na páxina web do Concello: www.concellodebueu.gal, así como nos medios de comunicación. Prevese a entrega se produza nun acto público que se celebrará entre abril e maio de 2019, ao que terá obriga de asistir a persoa gañadora.

9.- O Concello de Bueu comprométese a salvagardar o anonimato dos participantes non premiados. As obras devolveranse por correo postal ás autoras e autores que o soliciten no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da resolución do xurado. Tanto os arquivos dixitais recibidos como os traballos non reclamados en prazo serán destruídos.

10.- O Concello de Bueu resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada, en tódalas linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello, na 1a edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existiren posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o “XXII Premio de Poesía Johán Carballeira”.

11.- A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.

12.- Publicidade da convocatoria: Estas bases serán publicadas no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Bueu, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a efectos de dar publicidade a esta convocatoria na base de datos do Sistema Nacional de Publicidad y Subvenciones, e na páxina web deste Concello.

13. Impugnación: segundo o establecido nos artigos 112 a 120 e 123 e 124 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

14. Normas finais: o Concello de Bueu declina a responsabilidade que poida darse no caso de que a obra gañadora faga mención a persoas vivas e circunstancias reais das que non se teña coñecemento e non se faga referencia expresa á autorización das persoas interesadas. Será responsable unicamente o autor/a.

As bases poden descargarse nestas ligazóns: Bases 1 / Bases 2/ Bases 3.

 

 

Deixa un comentario!