Menu Xerais

Bautista Álvarez: «A emigración a América foi o verdadeiro drama». Entrevista de Carme Vidal

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de Carme Vidal a Bautista Álvarez sobre a súa novela Cuarto minguante.

 

Bautista Álvarez “A emigración é o noso gran drama e merecía ter máis consideración literaria”

Con Retallos daquela infancia,Bautista Álvarez descubriuse como escritor de narrativa. Tan só un ano despois sae publicada a súa primeira novela, Cuarto minguante (Xerais). Preséntase este sábado, día 21, no Casal de Armán de Ribadavia coa intervención de María Pilar García Negro, Manuel Bragado e o propio autor ademais da música de Roberto Sobrado

-Un ano despois do libro do libro de relatos Retallos daquela infancia, publica a novela Cuarto minguante. Para o que demorou en publicar van moi seguidas. Tamén é así o proceso de escrita?

A novela escribina no ano 2013 mais tardou en publicarse. Non é que comezara agora a escribir. Fágoo desde moito antes, o que pasa é que boa parte dos meus escritos non aparecen co meu nome. Colaborei moito en Terra e Tempo mais os artigos non están asinados polo autor. Outros están recollidos en dous tomos de Obras escollidas, cada un del de trescentas páxinas e está por saír un terceiro libro. Claro está que son obras distintas e a novela e os relatos son ficción, aínda que moitas veces estean fundamentados na realidade.

-Na novela achégase á última emigración a América e tamén á Europa. Por que decidiu escribir sobre a emigración?

O protagonista é un emigrante que vai a Brasil e Arxentina e remata en Suíza, concretamente en Zurich que é onde morre. Coido que a emigración está presente na vida da Galiza desde os primeiros anos da súa historia colonizada. Sinto non poder escribir a obra dramática que merece a emigración galega porque a miña vai moitas veces pola retranca.

-Lamenta que a emigración non fora máis tratada na nosa literatura.  

Xa digo ao principio que a Nova Narrativa débelle aínda a grande epopea galega á emigración. Diríalles que foran a América e se puxeran en contacto cos nosos emigrantes. Fago referencia á escena que contemplei menos de un ano antes de que partira o barco Santa María. Teño na memoria como a xente se despedía nos barxos, uns arriba e outros abaixo, e iso ten pouco reflexo na literatura galega. Sucedía no porto de Vigo, cidade na que hai tan bos escritores que non contemplaron o tema na súa obra. É un verdadeiro drama e merece ter máis consideración literaria.

-A presenza da emigración é moi forte e orixinou historias de gran intensidade, como explica entón esa ausencia?

Está presente en todas partes. A emigración a América é o verdadeiro drama. É distinta á que se produciu por Europa porque eles non perderon o contacto co país, construíron aquí as súas casas e viñan nas vacacións de Nadal e do verán. Era como os que estaban en Euskadi ou Cataluña. A de América non, ás veces non volvían nunca. Eu non trato de escribir as historias da emigración. Na novela hai parte que é real mais outra é fantasía, aínda que se fundamente na realidade.

A novela retrata tamén unha Galiza rural que desapareceu, como no anterior libro. Que o leva a escribir un relato literario sobre o país que xa non é?

O que se reflexa é a vida que existía hai anos no mundo rural galego que xa desapareceu. Cando relato un velorio nunha aldea estou contando algo que xa non se produce. As escolas convertéronse en centros da terceira idade e aínda máis alá, son xa tanatorios e a xente vela os seus cadáveres nas que antes eran escolas. Esa é a revolución que se produciu no rural galego.  É importante que quede memoria de todo iso mais eu xa non estou para facelo. Escribo por vocación, para entreterme, e máis nada.

-Nalgún momento afirma que se alguén quere atopar a nación galega ten que mirar para esa Galiza rural que xa non existe. 

Efectivamente, a permanencia está no mundo rural, porque o outro esqueceu o idioma, os seus costumes. Queirámolo ou non se Galiza é unha nación é debido a ese mundo rural. Unha alternativa nacionalista é a única forma que hai de conservar Galiza como nación. Nun artigo que publico en Terra e Tempo falo dos que son galegos a tempo parcial, os locutores de televisión que cando lle volven as costas á pantalla xa se poñen a falar español ou os políticos que fan o mesmo ao baixar da tribuna. Son galegos a tempo parcial e os nacionalistas son full-time.

-O idioma é, nese sentido, definitorio?

Sen idioma non hai nación. Abondaría o idioma para definir unha nación. Hai varios factores que individualizan un grupo social fronte aos demais. Algúns danlle máis importancia a outros mais o fundamental é a lingua e a cultura.

-Na novela, como no anterior libro, apréciase a vontade de recuperar expresións e palabras case esquecidas. 

Un profesor de literatura que tiven, que foi arquiveiro da catedral de Ourense, dicía que o mundo rural galego conservaba unha riqueza idiomática que non existía en moitos escritores de categoría. Pérdense palabras mais, en especial, xiros da linguaxe popular. Moitas veces o idioma está contaminado polas palabras que se meteron do español e tamén a sintaxe e os xiros que miraban para afora,

-A propia figura do protagonista é metáfora dese país que esmorece. O xastre que xa non ten traballo e ten que marchar.

Como non había estudos tiña que escoller un oficio e, ao ser coxo, as posibilidades eran dúas, ou zapateiro ou xastre. Mais tivo que marchar cando morren os avós e o capital se divide entre as dúas irmáns. Como marcharon todos os emigrantes do noso país. Por iso, a ponencia que Ramón Piñeiro enviou ao Primeiro Congreso da Emigración Galega é unha auténtica aberración, coa súa teima antimarxista. Cando todo o mundo coincide en que a emigración se produce por necesidades económicas, Piñeiro desmonta esa teoría e fala dun complemento da personalidade. Conservo esa ponencia e era importante que se lera para retirarlle o nome do Centro de Estudos que lle dedicaron.

-Por que lle dedica a novela á UPG? 

Era o lóxico e aí poño tamén as razóns. É o único partido galego que durante cincuenta anos loitou co mesmo nome e o mesmo ideario. Hai algún outro? Todos mudaron da noite para a mañá. Esa é unha realidade.

-Continúa escribindo narrativa? Reparou na posibilidade de escribir as súas memorias? 

De vez en cando escribo algún artigo mais non vivo da pluma. É só porque me gusta e entretenme. Memorias dis? De que poden servir? A quen poden interesar? A quen lle poden importar?

Carme Vidal

Deixa un comentario!