Menu Xerais

Bernardino Graña, o neno mariñeiro que cumpre 85 anos

O escritor Bernardino Graña, un clásico contemporáneo da literatura galega, cumpre hoxe 85 anos. Bernadino acaba de publicar con Xerais O neno mariñeiro, un libro no que relata os seus días da infancia, de fame e naufraxios na contorna mariñeira do Morrazo durante primeiros anos da guerra. O libro, escrito cos fíos da memoria, retrata sen nostalxia e con humor a sociedade á intemperie da galerna e dos malos ventos de mar aberto, na que, a pesar das penalidades, a rapazada respiraba o aire salitroso con alegría. O neno mariñeiro é unha alfaia da literatura galega da memoria escrita por un clásico contemporáneo desde as lembranzas dun neno que hoxe cumpre 85 anos.

A pasada fin de semana, a AELG e a Deputación de Pontevedra promoveron un roteiro literario «Polos Camiños de Bernardino Graña», guiado polo especialista e concelleiro Heitor Mera, percorrendo moitos dos lugares de referencia do seu libro O neno mariñeiro. Ademais, o próximo venres, o Pleno do Concello de Cangas aprobará, a proposta do concelleiro de Cultura Heitor Mera, o nomeamento do escritor como «Fillo Predilecto de Cangas» e acordará darlle o nome do poeta á Casa da Cultura de Rodeira.

Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que é socio de honra dende 1986. Membro da Real Academia Galega, publicou unha extensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.

Como poeta publicou: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997); Acendede as almenaras (Xerais 2008) e Ser auga, darse en auga (2011). No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005), Sinfarín contra don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).

Como narrador publicou o libro de relatos Fins do mundo (1974, Xerais 1989) e as novelas Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), II Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa, Carmela e os ladróns (2010), ¡Medre o mar! (2013), A fuga a Exipto (2016) e O neno mariñeiro (Xerais 2017).

Publicou en Xerais as seguintes obras de literatura infantil: O león e o paxaro rebelde (1969), Xan Guindán, capitán (1991), Oso mimoso (1992), O gaiteiro e o Rato Pérez (1994), Premio Merlín 1993, Cristo e San Pedro, peregrinos (1994), Rata linda de Compostela (1994, 2009) e O Quirico lambón (1997).

En 2005 Xerais publicouse, na colección Crónica Conversas con Bernardino Graña, de Rafael Fernández e Héitor Mera.

 

 

Comentarios pechados