Menu Xerais

Biosbardia recomenda unha lista de lecturas para o verán 2015

O blog Biosbardia, o blog literario de César Lorenzo Gil, recomenda unha lista de lecturas para este verán. Extraemos as correspondentes aos libros publicados por Xerais.

 

 

Coa calor entra a modorra, as ganas de non facer nada, esa luz a medias atractiva a medias perigosa porque nos sufoca. Amais dunha sombra, poucas cousas hai máis saborosas no verán que aproveitar ese estado de perpetuo sono para a lectura á sombra. Deixar que os soños que lemos se entremesturen cos nosos propios soños, nunha multiplicación alucinante da nosa imaxinación. Velaquí unha ducia de recomendacións para abandonarse á delicia.

11. Un animal chamado néboa, de Ledicia CostasXerais publica a primeira incursión da escritora viguesa na narrativa para adultos. Un conxunto de relatos que quere ser tamén unha aproximación sentimental á II Guerra Mundial. O fío que une cada historia nace da propia tensión sobrehumana que produce a guerra. A partir de acontecementos secundarios do conflito, a autora tece unha ficción de corte clásico, con personaxes cos que facilmente se identifica quen le.

10. A música dos seres vivos, de María ReimóndezA nova novela da lucense (mantén a autora o altísimo ritmo de publicación, máis de unha obra por ano, case todas dispoñibles no catálogo de Xerais) é un retrato íntimo dunha cantante de éxito internacional, MK, cuxa imaxe pública dista moito da súa personalidade real. Os seus medos, a influencia da súa orixe familiar (támiles emigrados), o amor e as obrigas sociais van configurando un relato que segue certos parámetros habituais na última narrativa de Reimóndez, polo que é unha lectura moi interesante para quen siga a súa traxectoria. De feito, a protagonista xa aparecía como personaxe en En vías de extinción.

3. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz. O retorno ao relato de terror e ao formato indiscutiblemente xuvenil do veterano autor, o máis vendido das nosas letras. Publica Xerais na colección ‘Fóra de xogo’. Un grupo de guionistas viaxa á Fonsagrada no puro inverno para inspirar a redacción dunha nova serie de terror para a televisión. En chegando á pensión comeza unha nevarada poderosa que os vai illar entrementres empezan a acontecer cousas ben estrañas. Homenaxe do escritor ao terror clásico con referencias explícitas ao proceso de creación do Frankenstein de Mary Shelley. Relato de relatos onde o pouso clásico e a narración clásica destacan.

1. Cabalos e lobos, de Fran P. LorenzoXerais publica o último Premio Blanco Amor de Novela Longa, destinado a converterse na obra narrativa con maior repercusión do ano 2015. Igual que sucedera con anteriores fenómenos editoriais, caso de Ollos de auga, de Domingos Villar, ou Os fillos do mar, de Pedro Feixoo, Vigo é protagonista, personaxe dunha historia que combina elementos clásicos do drama con trazos da literatura popular: o misterio, as mentiras, os segredos, o pasado, a guerra… Obra de debú que consolida tamén no plano literario unha das figuras máis importantes do xornalismo galego actual.

Deixa un comentario!