Menu Xerais

Bo humor en «Do G ao Z», o dicionario paródico de Manuel Veiga. Ironía e sarcasmo en favor dos indignados. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica do libro Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico, de Manuel Veiga, que é unha das novidades da nova colección LibroX. A recensión publicouse nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

 

O dicionario paródico de Manuel Veiga

Remato de ler un volume que non me resisto a recomendarlles nestes tempos nos que tan famentos andamos de bo humor: Do G ao Z, do narrador e ensaísta Manuel Veiga, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

Ideado a modo de ‘Dicionario indignado e humorístico’ ―tal como se indica no seu subtítulo―, este glosario de voces é un irónico mapa de noso, pois baixo o subterfuxio dun lexicón selecto o que en realidade ofrece Veiga é todo un escáner das nosas coordenadas sociolóxicas e psicohistóricas, seguindo a estela doutros celebrados dicionarios paródicos como o Elucidario (1999) de Gonzalo Navaza ou, máis próximo no tempo, o Abelcebú (2010), ‘Dicionario do Demo e a Mona’, publicado por Carlos Negro.

Do G ao Z non é, xaora, un vocabulario ao uso. Entre outras cousas porque nin sequera respecta o integral alfabético, pois a primeira das letras da que inclúe definicións non é o ‘a’, senón o ‘g’, aínda que a derradeira si que é o ‘z’. Hai dende o mesmo título, por tanto, unha clara vontade de malabar ou xogo lingüístico do que participa a escolla, precisamente, dos dous grafemas cos que adoita abreviarse o nome da nosa terra.

E digo que este dicionario non é convencional porque, alén das esperables definicións léxicas de substantivos comúns (velaí voces como pillapegas), figuran nel moitas outras entradas que escapan a esa mecánica. Así pois, no libro poden atoparse tamén definicións etimolóxicas de termos de historia insólita (mariachi, Ravachol), microrrelatos (así nas explicacións hilarantes dos lemas Inferno ou os insaciábeis, mesmo no relato mítico creado para presentar orixe); anécdotas (nas voces Guerra Civil, moralidade, orgullo…), feitos históricos (golpe, información, ladróns (de cadáveres), lóxica, vaca, virxes negras etc.), numerosos xogos de palabras a partir, sobre todo, de homonimias e paronomasias (hipoteca, Iberia, inculto, lago, morriña…) e citas de escritores e outros persoeiros (idioma, ironía, mentira, novelista, sexo, travestí…).

Canto aos lemas obxecto desta particularísima xeira definitoria, non son estes tampouco os adoitos e, amais dalgúns substantivos e adxectivos acostumados, comparecen aquí antropónimos (Adolf Hitler, Will H. Hays, Lenin), patronímicos (Iribarne, Solís) e abundantes topónimos (Galiza, Ítaca, Madrid, Santiago, Vigo…); voces enciclopédicas do máis variado xorne (dende o Maio do sesenta e oito ata a Saba santa, pasando polo escándalo do Watergate ou o Mar de Salton); obras literarias que revelan na definición curiosos paradoxos (O amante de Lady Chatterley, O mercader de Venecia, O Quixote) e mesmo entradas de natureza puramente grafémica (a letra ‘x’, poño por caso).

Postas por xunto, o cento e medio escaso de voces deste xenuíno dicionario revelan tamén toda unha visión do mundo, unha percepción crítica das xentes e dos feitos que fincan no ateísmo, o solidario social e igualitario, o anticapitalismo, o antifascismo e mais o galeguismo identificado como esteos sobre os que se constrúe un edificio ideolóxico presidido por un humor omnipresente que, en non poucas ocasións, fai ondear a bandeira da ironía máis aceda e o sarcasmo máis derrotista, como na súa defensa do movemento dos ‘resignados’ na vez do moi popularizado dos ‘indignados’.

Ler a Manuel Veiga neste rexistro de prosa máis ensaística e menos ficcional é un auténtico pracer, e tamén unha escola da que aprender, agora que tantiñas e tantiños senten que, como ben apunta o escritor do Saviñao, ‘indignation’ é ‘unha palabra francesa’ que en galego antigo ten o seu sonoro paralelo: ‘mexan por nós e hai que dicir que chove’.

Armando Requeixo

Comentarios pechados