Menu Xerais

Boa lectura poética para o outono: «Kid Salvaxe», de Carlos Reigosa. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o poemario  Kid Salvaxe, de Carlos Reigosa.

 

Poesía figurativa

Fronte a poesía baseada nas visións do creador e fortemente subxectiva e que ata crea unha nova realidade e unha nova linguaxe, a poesía figurativa, como acontece con este poemario de Carlos G. Reigosa, presenta un mundo e uns feitos-sentimentos doadamente identificables polo receptor. A narratividade, o autobiografismo ou a experiencia do cotián, compartida doadamente co receptor dos versos, son outras das características desta poesía. Este libro de Reigosa transita polos vieiros da poesía figurativa.

Ao xeito do modelo romántico e simbolista, o eu lírico lembra o pasado cuxa memoria son xabonciños que esvaran entre as mans (páx. 15). Como non podía ser menos no libro tamén aparece a lembranza dos amores fracasados ou paso do tempo, que estraga incluso a relación amorosa máis perfecta. Dun xeito moi machadiano a vida é un río que camiña cara ao nada, perante a desesperación do eu lírico, que pensa nun futuro en que as persoas estean libres desa angustia.

Na liña máis tradicional do existencialismo non hai máis Deus que crer en nosoutros mesmos, en tanto en canto podemos mellorar o mundo. Neste sentido a vida é coma un combate de boxeo, no que o importante non é gañar, senón ter a capacidade de se erguer despois de cada KO-desengano. De aí o título do poemario Kid Salvaxe.

Cómpre salientar así mesmo os poemas amorosos. O amor é unha táboa de salvación contra o paso do tempo e mais os desenganos da vida. O eu lírico desexa eternizar os momentos do encontro coa amada. Como na poesía pura, a poesía coloca á marxe do tempo eses momentos de plenitude do encontro dos amantes: Ela e eu, e ela e eu, e ela e eu / enchéndoo todo de plenitude inabarcable / ambos os dous sós sen sentirnos sós (páx. 29).

A morte aparece concretada dun xeito tremendista e mesmo prosaico no poema XIII sobre a morte do pai. O realismo, mesmo prosaísmo do texto, dálle a este poema toda a súa forza, como en certo xeito pedía Nicanor Parra para os antipoemas. En todo o poemario está presente a idea de que a vida é como un combate entre as ilusións do eu lírico, a procura dese paraíso / perdido (páx. 60), e a realidade dura do paso do tempo, da morte, das desilusións. Moitas veces o eu lírico remata, coma o boxeador, na lona, mais sempre volve levantarse porque de todas as opcións vitais Non pelexar sería a peor de todas (páx. 63). Neste mundo de ilusións fanadas e destruídas polo tempo/río cara ao nada mesmo os vencedores son derrotados. Non obstante,  ela é o consolo, a plenitude, sen necesidade de que nada sexa real, / nin sequera el, nin sequera ela, / nin sequera eu, o que agora/ lembra (páx. 65).

Dun xeito quevediano, a vida humana é un ir cara ao nada, onde xa non se sabe que é o que está vivo ou xa desapareceu (o poeta di que xa non sabe se vive ou morreu James Dean). As persoas son seres angustiados, porque, como ben dicía Heidegger,  un día descubriron que son seres para a morte. Diso só salva o amor, convertendo en eternos os momentos de plenitude marcados pola unión amado-amada. Non importa que fracasen os amores polo tempo: a poesía sempre lembrará esa plenitude. E todo iso perante a mirada dun Deus, que, ao xeito do Hijos de la ira de Dámaso Alonso, aparece como o xefe silencioso dun pelotón de fusilamento e que tivo a inmensa crueldade de facer o home tan perfecto que lle incorporou, ao darlle conciencia, o mecanismo / de autoflaxelación incorporado (páx. 92). Estes perdedores, moi na liña de Kerouac/Dylan, ao xeito dos vellos boxeadores, aínda que caian na lona, sempre se levantarán, aínda que sexa groguis, pois a vida cómpre, malia a ameaza da morte, vivila como ben expresa o autor nese poema minimalista formado por un dístico: Se é posible morrer / nada é imposible.

Xa que logo, poesía figurativa, neorromántica e con pegadas de Quevedo, Machado, Dámaso Alonso e tamén o clima afectivo dos Dylan e Kerouac, que tanto influíron na xeración á que pertence Reigosa. Este tipo de poesía figurativo e mesmo neorromántico é moi axeitado para introducir no xénero lírico os nosos alumnos e alumnas do derradeiro ciclo da ESO e mais do Bacharelato. Neste sentido paréceme moi apropiado o poema XIII, elexía á morte do pai, onde o autor incorre axeitadamente no prosaísmo, mais nel vemos como coa linguaxe coloquial se pode facer tamén poesía. En fin, boa lectura poética para o outono, que é a estación da melancolía e da reflexión sobre o paso do tempo e das ilusións perdidas, da ameaza da morte…, desde os recuados tempos do simbolismo.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!