Menu Xerais

Booktuber gaba «Black Air» e cita a literatura galega

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre os libros galegos publicados en inglés por Small Stations dentro da colección «Galician Wave».

 

 

Booktuber gaba «Black Air» e cita a literatura galega

Foi unha sorpresa coñecer que a booktuber londiniense Sanne de Booksandquills (117.000 seguidores) dedicase a súa primeira recomendacion do mes de novembro a Black Air, a novela de Agustín Fernández Paz, traducida por Jonathan Dunne e publicada en inglés por Small Stations dentro da colección «Galician Wave». Un feito moi relevante xa que Sanne encadra o texto dentro da literatura galega, gaba a nova colección xuvenil e o deseño cool das súas cubertas, ao tempo que comenta o seu interese por ler máis obras do autor. A peza leva xa máis de 32.000 visionados e non está de máis deterse a ler os comentarios, onde participan lectoras galegas e catalás de Agustín. O fenómeno booktuber(lectores e lectoras novos que comparten as súas lecturas e comentarios no seu vlog de youtube) ten cada vez máis importancia na literatura xuvenil internacional, pola súa grande influencia na conformación de tendencias entre o lectorado.

Dende hai meses coñezo o caso de Sebas G. Moure, un booktuber galego (máis de 31.000 seguidores), un mozo de Lugo de dezaoito anos (con 25.000 seguidores en Twitter), estudante de xornalismo en Madrid, que publica os seus comentarios en «El coleccionista de mundos» e «O rocho das ideas» (en galego). Nos vindeiros días afondaremos no fenómeno booktuber en galego e nas experiencias de lecturas compartidas que se veñen facendo na rede galega de bibliotecas escolares.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!