Menu Xerais

Brevidade e vontade de estilo: «Cancela aberta», de Xosé Neira Vilas. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog unha recensión crítica sobre os últimos libros de Xosé Neira Vilas, entre eles Cancela aberta.

 

«Cancela aberta», de Xosé Neira Vilas

(…)  Cancela aberta, por outro lado, insírese nesoutro ámbito de traballo, continuado e intenso, que Neira vén desenvolvendo desde hai ben anos e que é o da divulgación de corte ensaístico a través da súa práctica xornalística. A colección íntegra destes traballos, ollados globalmente, supón unha achega fabulosa, ao meu ver escasamente recoñecida, que permite asomarse a unha inxente cantidade de referencias políticas, históricas, culturais e políticas de noso e non só, e facelo ademais gozando dunha prosa fluída e concentrada.

   Nesta liña súmase Cancela aberta na que os camiños que transita resultan tan plurais como atractivos pois ao longo destes cen artigos recuperados do efémero, dominados loxicamente pola brevidade mais tamén por unha inequívoca vontade de estilo, son quen de nos conducir por unha ampla variedade de asuntos que van desde aqueles nos que reflexiona sobre a situación particular dos nosos tempos, pasando por lecturas, rememoracións de sucedidos ou persoeiros que tratou ou coñeceu, ata curiosidades que sempre alimentan o espírito e a ansia de saber, partilladas desde as instancias da xenerosidade.

      Non hai libro deste xénero entre os publicados por Neira Vilas, e este non é excepción, no que particularmente o cerre sen abrazar a convicción de que un aprendeu algo novo. Beizón por este esforzo e por esta nova entrega.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados