Menu Xerais

“Cadeas” de Xabier López premio Xerais de novela 2013

O xurado da 30ª edición do Premio Xerais de novela acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Cadeas» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xabier López López e corresponde ao título Cadeas.

Xabier López López (Bergondo, 1974) é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Veciño de Betanzos, na actualidade dedícase profesionalmente á escritura, con especial atención á narrativa. Deuse a coñecer en 1997 coa obra xuvenil Biff, Bang, pow! (Novela case negra), á que seguiu a novela Doutor Deus (1999), amabas as dúas publicadas por Sotelo Blanco edicións. Coa novela O caderno (2001) obtivo o Premio Risco de Literatura Fantástica; con O mono no espello (2002) o Premio Lueiro Rey de novela curta e con A vida que nos mata (2003) o Premio García Barros e o Premio da Crítica, novela publicada pola editorial Galaxia, na que tamén aparecerían A estraña estrela (2003), Trinta e dous dentes (2007) e Os libros prestados (2010), publicada recentemente en castelán. Para o público infantil e xuvenil publicou A vella quenlla perde os dentes (2005), Cando Artur non era rei (2012) e Son un can! (2013). A esta altura agarda a aparición da novela para público infantil e xuvenil O segredo da vella libraría pola editorial Everest e da titulada 1989 por Biblos Clube de Lectores. Boa parte da súa obra está traducida ao castelán e algunha obra ao portugués.

Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2013, no ditame que elaboraron sobre Cadeas salientaron que esta «é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar.» A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa, tumbada sobre unha toalla. A partir de aí establécese entre ambos os dous unha curiosa e incómoda relación que conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela e a súa construción. O debate nace cando a lectora convida o escritor a cear na súa casa, acompañada do seu home, tamén lector seu.

«Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto e mostra amplos coñecementos literarios, Cadeas paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía que nunca chega a ser cínica.» En palabras do xurado: «en realidade, estamos ante a novela dun ventrílocuo, alguén capaz enredarnos a través de diversos xogos textuais, que a maiores queren evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita. O propio escritor protagonista pon en cuestión a súa novela.»

Con ese hábil manexo dos recursos narrativos, asistimos, por exemplo, a unha fermosa historia de amor nun porto afastado que Manuel Antonio mantén cunha sorprendente muller chamada Alecto, á que coñeceu grazas un estraño navegante chamado Joseph Conrad; asistimos tamén ás peripecias vitais do propietario das cervexas Cruceiro e a súa particular relación coa bebida do lúpulo; asistimos á adolescencia dun rapaz de 15 anos durante os meses en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila; asistimos á historia dun home que se parecía a Dieste, ao que o une un curioso paralelismo; asistimos á trifulca que se produce entre dous grupos de mozos durante unhas festas patronais ao inicio da Transición democrática; asistimos á engaiolante relación entre o músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú; asistimos –perplexos polo xeito de narralo– á morte do Piloto, o derradeiro guerrilleiro galego. E aínda hai moito máis.

O xurado do Premio Xerais de novela 2013 concluíu o seu ditame cualificando «Cadeas como unha historia de historias, cun xeito de narrar contemporáneo. Unha novela ateigada de personaxes magnificamente ben construídos, cruzada de referencias culturais e enraizada na tradición fabuladora da terra sobre a que escribe. Esta que pisamos».

Tras coñecer a noticia do premio, Xabier López declarouque «antes de nada, quería sinalar a inmensa satisfacción por ver o meu nome emparellado co do premio Xerais, máxime nunha edición tan “redonda” coma a súa trixésima, un dos certames que poderían explicar por si  e polos seus títulos a literatura galega recente e, por extensión, a historia íntima dunha boa parte da nosa sociedade». Centrándose xa en Cadeas, a obra premiada, considerouna como «a miña novela máis arriscada e ambiciosa dende Doutor Deus, publicada no 1999, sendo unha aposta clara do xurado por formatos que entenden que a literatura, comezando pola forma é -ou debe ser- sempre “algo máis”».

Con respecto ao título dixo que «foi un dos extremos sobre os que menos dubidei á hora de acometer a súa escrita. A novela titúlase así, Cadeas, por dúas razóns primordiais. Primeira, porque está formada por varios “historias” encadeadas (aínda que en moitos delas o “elo” de enganche sexa falso ou só aparente, polo que podemos falar dunha novela “porosa” e, como tal, chea de pasadizos, trampas e mesmo calellas sen saída Segunda, porque todas as historias que a compoñen teñen que ver coa idea de submisión/dominación: a dun escritor respecto aos seus lectores; a que sofren os namorados nas “moitas” variantes de amor; a que agocha a tradición, a que implica “sociedade” e os seus costumes; a cosubstancial á violencia e ás diversas formas de colonialismo…»

Xabier Lopez debullou algúns dos temas da novela: «a través dela, abórdase practicamente o noso século XX enteiro. Dende os naufraxios na Costa da Morte de finais do XIX ao turismo dos anos 80 e 90, pasando pola guerra de Cuba, de Marrocos ou de Sidi Ifni, ata á morte do Piloto, o noso último guerrilleiro, á altura do ano 65. Todo iso sen nos esquecer dos campos de concentración nazis, a aparición de figuras senlleiras coma Dieste ou Manuel Antonio (ou os seus dobres) e o horizonte da emigración como esperanza recurrente». Para rematar, indicou que «se non aborrecese  as definicións, ben podía dicir que Cadeas, tendo moito de narración clásica, bebe tamén das fontes do posmodernismo (en tanto novela fragmentaria) malia que dun posdernismo tirando a “maximalista”».

Comentarios pechados