Menu Xerais

Camilo Nogueira: «Moita xente non acepta as falsas verdades de España». Entrevista de Xan Carballa

O xornalista Xan Carballa publicou, na web de Valentín Paz Andrade, dentro da serie «Conversas no ronsel» unha entrevista con Camilo Nogueira na que fala do seu libro Para unha crítica do españolismo. Reproducimos a parte referida a esa cuestión.

 

(…)

Un dos libros que editou este ano é Para unha crítica do españolismo (Xerais, 2012). Agora estamos vivir un novo momento de recentralización, sexa coa deslexitimación política da autonomía, a lexislación educativa sobre a lingua, a declaración de intanxibilidade constitucional e outras moitas decisións políticas. Como ve vostede o percurso inmediato?

Un dos eixos dese libro son os textos escritos despois da sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Cataluña. Ese tribunal erixiuse en intérprete do cento por cento da constitución, cando apenas pode decidir sobre un 40% pois o 60% restante é materia dos tribunais europeos que ten as competencias de soberanía máis importantes. Vendo como se lle negou o Estatuto de Nación a Galiza, como se botou abaixo o Estatuto de Ibarretxe, que nin sequera deixaron tramitar nas Cortes e cando foi a debater, por certo con Raxoi e Rubalcaba, humillárono e puxérono, sendo presidente de Euskadi, no galiñeiro do Congreso dos Deputados, razoo nese libro que seguindo así nada podemos esperar de Madrid. E aseguro que o cambio constitucional só se producirá cando en Cataluña, Euskadi e Galiza de facto haxa un sistema político propio e teñan que recoñecelo. E isto xa pasa, e de maneira irreversíbel, en Cataluña e Euskadi. Poderán ter dificultades, porque é difícil pasar de ser unha nación a un estado, ou determinar que o estado español sexa plurinacional, pero é unha situación irreversíbel.

Fronte a esa realidade España continúa co seu afán xacobino e recentralizador, pero iso tamén é un recoñecemento de que está pasando algo e que moita xente non aceita as falsas verdades de España. O único xeito de impedir que Cataluña, Euskadi e eu aspiro que tamén Galiza, sexan nacións con estado en Europa, é facer unha constitución que recoñeza que o estado español está conformado por catro nacións. Claro que é mudar radicalmente pero é o máis sensato se se quere convivir. Cando se recoñeza que hai catro nacións, como vai coller na cabeza de ninguén que Madrid poda decidir sobre o que deben facer galegos, cataláns ou vascos coas súas linguas? Quen poderá defender que sexan os casteláns os que deciden como se estuda o galego na Galiza? Por que non recoñecen que é unha riqueza que haxa catro linguas? A solución non é a federal, senón crear as normas para que convivan catro nacións. Igual que se está escribindo por primeira vez a convivencia na Unión Europea, que non é un proxecto que estaba escrito, como non estaba escrito en ningunha Biblia como ía ser o estado moderno no século XVI. E tendo conciencia de que non se trata de poñer fronteiras, que xa non as hai na Unión Europea. O concepto modificador profundo que significa a Unión Europea aínda non está incorporado en moitos niveis, tampouco por algúns nacionalistas galegos.

(…)

Xan Carballa

 

Deixa un comentario!