Menu Xerais

Camilo Nogueira: «Sen o Antigo Reino de Galicia non se entende o que pasou na Península». Entrevista sobre «Para unha crítica do españolismo»

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Jorge Lamas con Camilo Nogueira sobre o seu libro Para unha crítica do españolismo, presentado recentemente.

 

Camilo Nogueira presentou onte na súa cidade dous novos libros, Para unha crítica do españolismo e A rota do sol.

—¿Cal é a tese do primeiro dos libros?

—Trato de facer ver que sen o Antigo Reino de Galicia non se entende nada do que pasou na península. Todo o que se atribúe a Castela durante moitos séculos, non lles pertence. Foi do Reino de Galicia, que durante sete séculos, dende os suevos ata 1230 (unión de León e Castela), foi un reino independente aínda que cunha maior extensión á Galicia actual.

—¿Ten algunha relación co A memoria da nación?

—Responde á mesma idea, o que pasa é que hai cousas novas. O libro empeza cun ensaio onde se fala da constitución os estados europeos. A inmensa maioría foron creados nos séculos XIX e XX, tal como hoxe son. É moi necesario, neste momento, en que estamos na Unión Europea, poñer de manifesto que, da mesma maneira que se formaron estados, algúns moi recentes, coma os que veñen da desaparición da URSS, podería haber outros que se constitúan en estados ou, polo menos, se lles recoñeza o estatuto de nación.

—¿E que quere transmitir en A rota do sol

—É un conxunto de ensaios que parten dun cambio no escenario internacional co fin da Guerra Fría, unha circunstancia que hai xente que aínda non se decatou delo. Dende a perspectiva galega trato cuestións tan diversas como a Constitución e a economía española, a irrupción de Obama, os países emerxentes ou Palestina.

—O galeguismo histórico tiña esa intención internacionalista.

—Si, é o de Galicia célula de universalidade, que quere dicir que Galicia é unha parte do universo e contribúe nel. De feito, o galego é máis falado que o francés no mundo.

Comentarios pechados